O son da auga, procedente de varias fontes situadas dentro dos xardíns do coñecido coma O VERSALLES GALLEGO, envolve cada paso dado na visita ó pazo en serenidade, paz e tranquilidade.
Cando traspasamos as portas de entrada do devandito Pazo, semella coma se fósemos situados noutro espazo temporal, polo cal aínda non pasaron os anos. Iso faise patente cando visitamos o museo de apeiros de labranza que está no interior do Pazo.
Nos xardíns, tanto te podes atopar dentro dun labirinto de buxos, tentando saír, para logo desfrutar do encanto do Estanque, coma sentarte nunha cadeira de pedra ante o Paseo dos Tilos e imaxinar que diante nosa está a celebrarse un enfrontamento entre cabaleiros medievais.
Destacables son as diversas variedades de árbores de camelias, que coas súas flores visten de cores os invernos no Pazo.
Sen dúbida, O PAZO DE OCA, na parroquia estradense de Oca, é un conxunto arquitectónico e botánico recomendable para visitar, tanto para os estradenses coma para todos aqueles que se acheguen de visita polo noso concello.
Redacción e fotografía: Ana Requeijo