Carlos Loureiro, Asociación PuntoGal e Benito Montero premiados na XXIII Edición dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística

IMG_7342RESOLUCIÓN DO PADROADO DA XXIII EDICIÓN DOS PREMIOS SAN MARTIÑO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA – 2013

A Asociación Cultural O Brado, por medio da presente, pon no seu coñecemento que o Padroado dos Premios S. Martiño de Normalización Lingüística, celebrou reunión onte mércores 29 de outubro para fallar os Premios S. Martiño do ano 2013, que serán entregados nun acto aberto a todo o público o vindeiro xoves, 14 de novembro ás 20.30 horas no Teatro Principal da Estrada.

Os premios, concedéronse, nas súas tres modalidades:

· A Estrada e Comarca de Terra de Montes a D. Carlos Loureiro Rodríguez
· Galicia Enteira a Asociación PuntoGal
· Toda unha vida a D. Benito Montero Prego

IMG_7431Premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós Terra de Montes Outorgado a D. Carlos Loureiro Rodríguez

Carlos Loureiro Rodríguez nace en Callobre (A Estrada-Pontevedra) no ano 1957. É Licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela.

Compaxina o seu traballo docente coa colaboración activa en todo movemento cultural estradense que se distinga por traballar a prol da nosa lingua e cultura. Neste eido, pasa por ser o máis cualificado biógrafo do insigne galeguista estradense, D. Manuel García Barros “Ken Keirades”, ao que deu a coñecer traballando en distintas edicións da súa obra literaria.

Tamén se encargou da edición de distintas pezas teatrais do dramaturgo estradense Manuel D. Varela Buxán.

A nivel literario publicou o Dicionario de escritores de Tabeirós-Terra de Montes (2004), onde se nos dá a biografía, obra e unha escolma de máis de setenta autores de Tabeirós-Terra de Montes, dende a Idade Media até a actualidade. Tamén é coautor da obra A Estrada. Imaxes para a lembranza (2006). Como tradutor son seus os traballos Na Estrada da vida de Antón Losada Diéguez (2006) e As falsas confidencias de Marivaux (2007).

A nivel deportivo publicou a obra Callobre C.F. Dos alicerces a 2002 (2003), onde se narra a historia deste club parroquial dende os seus comezos, alá polos primeiros anos do 1940, até o 2002. Tamén é «Socio de honor» da «Sociedad Hijos del Ayuntamiento de A Estrada» en Cuba, ano 2010, así como medalla de «Amigo da Solaina» concedida polo padroado da Fundación Casa Museo «A Solaina de Piloño (Vila de Cruces), ano 2010.

Dende o ano 2003 é compoñente da editorial estradense Edicións Fervenza, editorial que centra os seus obxectivos en espallar a nosa cultura galega e sacar á luz moita obra esquecida.

Premio á normalización no ámbito galego Outorgado á Asociación PuntoGal

O Premio de ámbito galego recaeu este ano na Asociación PuntoGal, polos seus esforzos dende 2006 en conseguir que vexa a luz un dominio para a lingua e a cultura galegas na Internet.

Como figura na súa páxina web “O .gal é o dominio que debe correspondernos como comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos, sociais… unha especie de sufixo co que identificar en internet as páxinas escritas en galego e que, tendo en conta a nosa dispersión no mundo, non se circunscriba a un ámbito territorial concreto.”

puntoGAL está formada por máis de 120 colectivos de todos os sectores, incluídas as principais institucións culturais do país (Real Academia, Consello da Cultura, etc.), as tres universidades, máis de vinte asociacións de emigrantes radicadas en 10 estados (España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Bélxica, A Arxentina, Estados Unidos, O Uruguai e Brasil), colexios profesionais, empresas de novas tecnoloxías, medios de comunicación,
asociacións culturais de base, etc.

O PuntoGal conta co apoio máis de 12.800 internautas que asinaron en liña a prol dun identificador para a lingua e cultura galegas. A Asociación non ten ánimo de lucro, por iso reinvistirá todos os beneficios que xeren os dominios en promover o galego nas novas tecnoloxías.

Premio á normalización durante toda unha vida Outorgado a D. Benito Montero Prego

Benito Montero Prego, é fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra dende hai ben anos, tantos que este, con setenta anos, será o seu derradeiro na carreira xudicial.

Dende a promulgación da Constitución española en 1978, este fiscal veu desenvolvendo a súa actividade unicamente en lingua galega. Benito Montero é un referente na historia da galeguización xudicial. Antes ca el, non houbo outro funcionario do ministerio público que afrontase o reto da galeguización da Administración de Xustiza.

Dende o ano 1982 é membro da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia.

Nos seus congresos conseguiu que se aprobasen propostas súas para facilitar a normalización das linguas catalá, vasca e galega. Moitas desas iniciativas foron decisivas para que a lexislación recollese os dereitos lingüísticos do ministerio público.

Ten publicados varios ensaios sobre o alcance xurídico dos dereitos lingüísticos, e un estudo profundo, editado polo Consello da Cultura Galega, revisando o expediente xudicial e a sentenza condenatoria a Curros Enríquez, concluíndo que aquel proceso fora mal instruído e motivando, xa que logo, unha resolución xudicial con graves defectos formais e de fondo.

Asemade, D. Benito Montero é un activista social coa súa presenza en múltiples asociacións culturais que teñen como obxetivo a defesa da identidade galega e os seus preclaros sinais.

Membros do Padroado: Xosé López Vilariño, Juan M. Constenla Carbón, Manuel Sanmartín Obelleiro, Alfonso Vázquez Moares, Henrique Vázquez Pernas, Lourdes Dono Piso, Iván Sanmartín, Carlos Andújar Mato, Olaia Barreiro e Xurxo Andión.

Redacción: Asociación Cultural O Brado

Fotografía: Iria Eiras

Esta entrada fue publicada en Cultura, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta