FRUGA recollerá na Estrada sinaturas demandando solucións aos danos provocados pola fauna salvaxe

Fruga

Nos últimos tempos as explotacións agrarias galegas e en xeral todo o campo galego está sufrindo cada vez máis intensamente danos ocasionados pola fauna salvaxe, cunha incidencia enorme no caso do xabarín. Estamos a falar de afectacións que inciden moi negativamente nas explotacións e nas veigas familiares que moitas veces botan abaixo todo o cultivo e a parcela. Todo isto nunha situación económica terríbel que afecta especialmente ao mundo rural e as explotacións agrarias galegas. Sinalar tamén que dende o ano 2009 a Xunta deixou de pagar axudas polos danos do xabarín.

Para FRUGA non é ningunha solución a este grave problema trasladarlle a responsabilidade aos TECORES. En primeiro lugar, parécenos unha deixación de funcións por parte da administración pública como principal valedora dos nosos sectores produtivos, xa que é a administración a que ten a capacidade técnica e económica para encarar e darlle solución ao problema da fauna salvaxe. En segundo lugar, é materialmente imposíbel na realidade actual que os TECORES teñan capacidade para asumir o control de toda a fauna salvaxe que exista no seu couto e asumir tamén toda a responsabilidade dos danos que esta fauna ocasione a terceiros. O Goberno Galego pasándolle a responsabilidade aos TECORES, o único que pretende é fuxir dunha responsabilidade que lle corresponde á administración pública, ao tempo que enfronta a uns veciños con outros para evitar que a frustración que provoca os danos da fauna salvaxe se enfoque cara á Xunta.

Debemos incidir tamén en que o incremento dos danos da fauna salvaxe sobre os cultivos é consecuencia do abandono e desestruturación do medio rural galego, froito das políticas erradas que o Goberno do PP está a desenvolver na Xunta de Galiza. Para FRUGA existe unha relación directa entre a situación de abandono do noso medio rural por parte do Goberno Galego e o aumento dos danos causados pola fauna salvaxe.

A Federación Rural Galega está percorrendo o país recollendo sinaturas para demandar solucións aos estragos provocados pola fauna salvaxe. Así, este mércores 22 de xaneiro, compañeiros e compañeiras de FRUGA desprazaranse até a vila da Estrada onde, aproveitando o día de feira que se celebra todos os mércores nesta vila, non só recolleremos sinaturas, senón que explicaremos as nosas medidas contra esta praga salvaxe, que tamén neste concello, cun importante sector agrogandeiro está a sufrir as súas consecuencias. O posto de FRUGA estará situado na propia feira entre as 10 e as 13:30 horas.

Redacción: Federación Rural Galega

Esta entrada fue publicada en Agrogandeiros, Asociacións, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta