O BNG denuncia que "o concello da Estrada leva preto de seis meses vertendo augas contaminadas"

Xosé Magariños insta ao alcalde a arranxar dunha vez esta tubería de augas fecais, porque estanse a contaminar os nosos ríos e supón un problema de salubridade pública.

IMG_20140118_124514O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, vén de denunciar que “á altura da discoteca Lennon hai un sumidoiro cunha tubería rebentada que leva meses vertendo augas fecais e todo tipo de desperdicios a un regato, ante a pasividade do alcalde e o seu grupo de goberno, porque nos consta que ten coñecemento desta situación.”

“O verquido”, afirma o concelleiro nacionalista, “é perfectamente visíbel, especialmente por todas as persoas que todos os días circulan pola N-640, andando ou en coche, xa que este verquido desprende un cheiro nauseabundo”.

“Este sumidoiro roto, como xa dixemos, leva preto de seis meses no mesmo estado, vertendo aos ríos, cuxas consecuencias a fin de contas padecémolas todos, xa que de aí van ao Liñares e deste río ao Ulla”, explicou Magariños; “pero quen padece directamente as consecuencias destes verquidos son os veciños e veciñas de Guimarei, cuxas augas contaminadas pasan preto das súas casas, co problema de salubridade pública que iso supón”.

IMG_20140118_124509Xosé Magariños insta ao alcalde a “arranxar dunha vez esta tubería de augas fecais, porque os veciños e veciñas da Estrada non o recordarán porque fixo un campo de fútbol ou porque trouxo a volta ciclista á Estrada, non”, afirmou o concelleiro do BNG, “os veciños e veciñas distinguen un bo alcalde dos malos, por arranxar con celeridade problemas de saúde pública como este ou problemas como o enlace da AP-53 no Alto da Rocha”.

“Porén, a estas alturas os estradenses xa teñen claro que López está no segundo grupo de alcaldes, isto é no dos malos alcaldes, que consideran que hai problemas de primeira e de segunda”, espetou o concelleiro nacionalista. “Para o alcalde un problema de primeira é facer un campo de fútbol novo, e un problema de segunda é arranxar esta tubería dos
sumidoiros”, engadiu o concelleiro nacionalista.

Redacción e fotografía: BNG de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta