Esta tarde con motivo da Feira do Libro a escritora Rosalía Morlán presentará o seu último libro "Canta a Lüa coas Estrelas"

CANTA 001

“Canta a lúa coas estrelas” é un libro-CD con poemas de Rosalía Morlán (algúns xa publicados nos libros “A coitada lúa”, “Estrelas de azucre” e “O Castelo da Rocha Forte”, e outros inéditos, musicados todos eles por Manoele de Felisa. Ten un prólogo de Neira Vilas e ilustracións de Isa Albela.

Prólogo de Neira Vilas: 

O acerto dun canto

Acerto dobre. O da poeta e o do músico, é dicir, de Rosalía Morlán e de Manoele de Felisa, xuntos neste bonito proxecto. Manoele musicou e canta coa súa inconfundible voz, as palabras ben canxadas de Rosalía, que exerce profesionalmente como Supervisora de enfermeiras e Profesora Asociada de Ciencias da Saúde (todo na súa Compostela de adopción e residencia), ó tempo que atende a súa vocación literaria.

Rosalía ven lendo e recitando poesía dende que era unha cativa. No comezo era para ela coma xogar amorosamente coas palabras. Pouco a pouco foi descubrindo imaxes, foi saboreando a beleza da voz convertida en signo, e un día “tomouse en serio” e decidiuse a escribir versos, de primeiras na intimidade, con certo recato. Coma todos. Enviou poemas soltos a diversos concursos, e gañou premios (“Cardo de Prata”, “Brisa Mariña”, “Esquío”, e foi finalista do “Rosa de Oro” e Mención de Honra en “Arume”). Veu a luz o seu primeiro libro, A coitada lúa, en 2010. Virían logo Estrelas de azucre (2012), O libro dos soños, (teatro, 2013) e O castelo da Rocha Forte (2014). Ata hoxe.

O presente disco-libro é coma unha antoloxía que contén textos dos tres libros de poemas, ós que engade algúns textos inéditos. Coñezo a súa obra e vexo aquí unha escolla moi axeitada, e máis porque se trata de convertir as palabras en canto. Hai neste abano poético, sobre todo, deliciosas poesías para nenos e nenas, coa natureza, as lendas,algúns animaliños, algo de historia, certa maxia, todo moi ben levado e cunha alta dose de humor e de gracia, tan necesarios sempre. Os versos de Rosalía Morlán unidos á música e á voz de Manoele de Felisa conflúen con acerto nesta fermosa entrega.

Departamento de Cultura

Esta entrada fue publicada en Cultura, Feiras, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta