A Xunta pon en marcha a iniciativa ‘Árbores con historia’ coa primeira ruta divulgativa e turística polas árbores senlleiras de Galicia

VISITA DE LA CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE, ETHEL VAZQUEZ, AL PAZO DE OCA.Trátase dunha iniciativa que busca poñer en valor o patrimonio natural da Comunidade galega

Trátase dunha das actividades organizadas polo Goberno galego para celebrar durante toda esta semana o Día Mundial do Medio Ambiente

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitou hoxe nos xardíns do Pazo de Oca, na Estrada, catro exemplos de gran singularidade, incluídos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas puxo en marcha hoxe a iniciativa ‘Árbores con historia’ coa primeira ruta divulgativa e turística polas árbores senlleiras de Galicia. Este proxecto ten por obxectivo dar a coñecer e poñer en valor o enorme patrimonio natural da Comunidade galega e bota hoxe a andar no marco das actividades programadas durante toda a semana para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora o 5 de xuño.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, visitou hoxe nos xardíns do Pazo de Oca, na Estrada, catro exemplos de gran singularidade, incluídos no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, que forman parte desta primeira ruta, e entre os que destaca unha das mellores formacións de buxo da Comunidade autónoma. Trátase dun itinerario por 12 concellos (Santiago, Vedra, Padrón, A Estrada, Cuntis, Caldas de Reis, Meis, Ribadumia Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, O Grove e Poio) que permite coñecer un total de 52 árbores e formacións.

A conselleira de Medio Ambiente, que estivo acompañada do alcalde da Estrada, José Carlos López Campos e da directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado salientou que na páxina web da Consellería está a disposición dos interesados un dossier explicativo, co percorrido e as principais peculiaridades dos exemplares e formacións que se engloban nesta primeira ruta. A ligazón para acceder é http://www.cmati.xunta.es/seccion-tema/c/Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Biodiversidade/seccion.html&std=arbores_con_historia.html&sub=Arbores_senlleiras/.

VISITA DE LA CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE, ETHEL VAZQUEZ, AL PAZO DE OCA.Ethel Vázquez subliñou que o obxectivo do Gobernop galego é continuar deseñando novos itinerarios por outros municipios galegos que conten con árbores catalogadas como senlleiras; xa que se trata dunha boa medida para poñer en valor o rico patrimonio natural que ten Galicia, facendo compatible a promoción turística coa conservación do medio.

Trátase, dixo, de “potenciar os nosos recurso naturais e concienciar e implicar á poboación na súa preservación e protección”.

Semana de celebración do Medio Ambiente
A Consellería de Medio Ambiente continuará mañá no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas a conmemoración do Día do Medio Ambiente prevista para toda esta semana. Así, a conselleira Ethel Vázquez visitará mañá a Illa de Ons para supervisar diferentes actuacións que está a promover o departamento autonómico nese lugar.

O mércores celebrarase o Comité de Dirección da Reserva da Biosfera Transfronteiriza do Gerês-Xurés, no que se abordará o Plan de Acción para o período 2015-2020. O plan prioriza as actuacións de carácter transfronteirizo e de cooperación entre as dúas rexións. Grazas a este documento, cuxo horizonte temporal é ata o ano 2020, realizarase un investimento global de 2,6 millóns de euros.

Na seguinte xornada, representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas visitarán o parque natural de Corrubedo, acompañados por membros da asociación ecoloxista Adega. O Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán foi declarado no 1992, ocupa unha superficie de 996,25 ha no municipio de Ribeira.

Para o venres día 5, Día Mundial do Medio Ambiente, a Consellería de Medio Ambiente organizou o primeiro Congreso de Escolas en Acción, unha actividade coa que se pretende divulgar e visibilizar na sociedade a importancia da conservación dos espazos naturais e a importancia da sostiblidade no uso dos recursos.

Este programa -dirixido a centros de primaria e primeiro e segundo curso de secundaria de Galicia-, está concibido como unha ferramenta de investigación e divulgación dos valores naturais e da correcta xestión da Rede Natura 2000, dende a óptica e a creación das mensaxes que os nenos destas áreas de influencia realizarán a través dos seus proxectos.

VISITA DE LA CONSELLEIRA DE MEDIO AMBIENTE, ETHEL VAZQUEZ, AL PAZO DE OCA.Durante o actual curso escolar 2014/2015 preto de 1.000 alumnos de 10 centros escolares da Comunidade galega veñen traballando na procura de sinerxías de sensibilización na comunidade, a través dos seus proxectos e promover que estes sexan verdadeiros focos da divulgación e innovación, así como axentes de sensibilización na Rede Natura 2000.

Día Mundial do Medio Ambiente
Dende 1972 o 5 de xuño de cada ano celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente que foi establecido pola Asamblea Xeral de Nacións Unidas, Resolución 2994 (XXVII) do 15 de decembro de 1972 coa que se iniciou a Conferencia de Estocolmo.

O lema do Día Mundial do Medio Ambiente deste ano é Sete millóns de soños. Un só planeta. Consume con moderación, e centrase na necesidade de respectar a capacidade do planeta e como xestionar os recursos de modo eficiente en todos aqueles aspectos de gran relevancia para asegurar a prosperidade e benestar de todos.

Consellería de Medio Ambiente – Xunta de Galicia

Esta entrada fue publicada en Portada, Turismo. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta