A ONG Implicadas no Desenvolvemento organiza a exposición Maquila Boutique na Estrada

Cartaz Maquila Boutique 1A ONG Implicadas no Desenvolvemento organiza dende hoxe día 19 ata o vindeiro 29 de febreiro unha exposición na Sala de Exposicións ABANGA en horario de 18:00 a 20:00 horas.

Maquila Boutique é unha exposición de artistas plásticas na que se denuncia a explotación na industria téxtil e se presentan posibles alternativas a esta explotación. Trátase dunha instalación a modo de tenda na que se expoñen pezas de roupa creadas a partir de roupa usada de compañías sobre as que existen informes de explotación laboral nos países do Sur. Inclúense ademais estudos de caso que contan a situación de traballadoras nesta industria e as beneficiarias dos grupos de aforro que apoia Implicadas no  Desenvolvemento na India Esta exposición foi coordinada pola artista galega Mar Calda e Andrea Abreu e inclúe obras de Andrea Costas, Berta Cáccamo, Carme Nogueira, Carmen Suárez, Itziar Ezquieta, Mar Caldas (coordinadora), Las Pingüinas (Natalia Umpiérrez e Sara García), Renata Otero e Rosalía Pazo Maside.

Para completar a exposición e como acción inaugural da mesma, será proxectado o sábado 20 o filme documental Fíos Fora. Historias de obreiras. Entre costuras e patróns, producido por Amarante Setem e Illa Bufarda. O documental revisa a historia das mulleres galegas que traballaron no sector téxtil dende os 60, e que foron a man de obra perfecta e cautiva para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada. Este documental fai un novelo do sector téxtil aquí e fóra, antes e agora. A historia repítese nos fíos doutros lugares, nos nós deste sistema. Máis info: http://fiosfora.gal/ Lugar: Sala de Exposicións ABANCA, A Estrada Data: 20 de febreiro de 2016 Hora: 20.00 horas.

Durante os días de exposición haberá un posto de venda de produtos da ONG, así como a súa Axenda do Desenvolvemento para o ano 2016. Implicadas no Desenvolvemento é unha organización galega de cooperación que basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como base para o desenvolvemento humano sostible e perdurable. Implicadas entende a loita contra a pobreza coma un exercicio de responsabilidade da cidadanía do Norte e a busca de espazos para que a cidadanía do Sur, e en concreto as mulleres, podan tomar decisións sobre as súas vidas. A ONG traballa en Galicia e India cun marcado enfoque de xénero.

Esta entrada fue publicada en Asociacións, Educación e Sociedade, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta