A empresa Axuda Servizos gaña o IV Premio Honorífico ao Labor das Mulleres da Estrada

8marzo O xurado valora os 23 anos de traxectoria na Axuda no Fogar e a xeración de emprego feminino, con case medio cento de traballadoras

 O galardón entregarase nun acto público o vindeiro venres 11 de marzo ás 20.30 horas no Museo do Moble e da Madeira (MOME)

A empresa Axuda Servizos, adicada a prestacións de carácter socioasistencial e, especialmente, á asistencia domiciliaria e a atención a persoas dependentes, foi elixida como gañadora da cuarta edición do Premio Honorífico ao Labor das Mulleres do Concello da Estrada. O xurado, na súa xuntanza do pasado luns, valorou os seus 23 anos de traxectoria, a xeración de emprego, principalmente feminino, con preto de medio cento de traballadoras, e a súa implicación na sociedade estradense.

O galardón, convocado polo Centro de Información á Muller (CIM) da Estrada, integrado na Concellería de Benestar Social e Igualdade, entregarase nun acto público que terá lugar o vindeiro venres 11 de marzo dende as 20.30 horas no Museo do Moble e da Madeira da
Estrada (MOME). Deste xeito, Axuda Servizos toma o testemuño de María Zamar, de
Panadería Cervela; de María Martínez Otero, fundadora da empresa de mobles que leva e o seu nome; e da cooperativa agraria Gandeiras de Vea, que foron as gañadoras das tres
primeiras edicións do certame.

Con este premio, xa consolidado dentro dos actos do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, o Concello da Estrada pretende visibilizar o esforzo das mulleres a prol da igualdade e outorgar un recoñecemento público a aquelas mulleres, asociacións ou empresas do municipio que destaquen pola súa traxectoria persoal, empresarial ou local, que conten con relevancia, que xeren un retorno social e que favorezan a creación de emprego.

Escudo.novoUnha empresa en crecemento

A empresa Axuda Servizos foi creada no ano 1993 cando a Cruz Vermella deixou de prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no Concello da Estrada e se impulsou a creación dunha
cooperativa para realizar este traballo baixo o asesoramento de Servizos Sociais.

Esta firma centra a súa labor na axuda domiciliaria, que xestiona nos concellos da Estrada e Cuntis, e na atención a dependentes, aínda que tamén ofrece servizos máis específicos como o xantar a domicilio, a perruquería, a estimulación cognitiva, a podoloxía ou o acompañamento aos servizos médicos, entre moitos outros.

Axuda Servizos está a experimentar un gran crecemento nos últimos anos, xa que en 2006
estendeu o seu traballo a Cuntis tras gañar un concurso público e no pasado exercicio abríu unhas novas oficinas na rúa Justo Martínez da Estrada, dende onde xestiona todo o traballo administrativo e a atención ao público e coordina as tarefas do seu medio cento de
traballadoras. Ademais, a súa implicación na sociedade revélase na formación específica de mulleres no eido sociosanitario para favorecer a súa inserción laboral no mercado.
A empresa está dirixida polas socias Marina Bascuas, fundadora da firma, e Nieves Fernández e basea a súa filosofía de traballo na atención personalizada, o respecto á identidade e a forma de vida dos usuarios, a atención integral e a promoción da autonomía persoal.

A concelleiro de Benestar Social e Igualdade da Estrada, Amalia Goldar, amosou a súa
satisfacción pola consolidación deste premio como un dos actos principais do 8 de marzo e
quixo felicitar á Axuda Servizos “xa que fai unha gran labor no seu campo e ademais é unha empresa xeradora de moitísimo emprego feminino no noso concello, polo que creo que mantén o elevado nivel do palmarés nestas catro edicións”. “Quero felicitar como concelleira, e tamén persoalmente, a Marina, a Nieves e a todo o seu equipo por este galardón que, sen dúbida, é máis que merecido. A súa empresa é unha boa mostra do potencial da muller da Estrada e ademais podemos felicitarnos porque temos moitos máis exemplos”, concluíu a edil.

Concello de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Educación e Sociedade, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta