Tequexetéldere actuará este sábado noutra edición da Devesa dos Pícaros en Luou

foto devesa A Estrada 2015

Este sábado 4 de xuño, a carballeira de Luou énchese de baile e música coa terceira edición do festival de folclore infantil ‘A Devesa dos Pícaros’ promovido por seis agrupacións dos concellos galegos de Teo – A Mamoa de Luou (anfitrións desta volta) e A Ponte Vella de Teo -, Cambados – Obradoiro Volandeira – , A Estrada – Tequexetéldere – e Vilagarcía de Arousa – Mar de Arousa e Nós de Sobradelo -, que colaboran no proxecto.

Tequexetéldere desta vez levará as escolas de baile cos máis cativos, nenos e nenas de entre 3 a 6 anos xunto coas escolas de pandeireta e gaita e percusión.

A nosa intevención de 10 minutos incluirá os seguintes temas,

  1. Valse as tres cadelas e corrido de Rodeiro ( pandeireta )
    2. Muñeira ( baile )
    3. Jota de Santiago ( instrumental )

O festival comeza o sábado ás 12:30 horas coas actuacións dos pícaros das seis agrupacións con idades comprendidas desde os 3 e os 15 anos. Despois, nas instalacións da Mámoa haberá mesas e cadeiras para un xantar libre para logo continuar toda a tarde con foto familia devesa vilagarcíaxogos populares e música e baile a esgalla. A finalidade última destas xornadas pasa por fomentar a convivencia e as relacións entre as familias, @s pequen@s, as asociacións e a veciñanza dos concellos ao redor da nosa tradición para a súa pervivencia cultural.

Durante a celebración da xornada, a estrada da Deputación DP-0205, que une A Casalonga coa Ramallosa, na contorna da carballeira de Luou permanecerá cortada ao tráfico de vehículos para garantir o xogo e a diversión seguros para todas as persoas que se animen.

As anteriores edicións de ‘A Devesa dos Pícaros’ tiveron lugar o ano pasado na Estrada e hai uns meses en Vilagarcía de Arousa cunha importante participación e grande diversión.

Tequexetéldere

Compárteo!

Deja un comentario