O BNG insta ao alcalde a buscar unha solución definitiva ós problemas da traída de auga

Rotura traída Gran Vía 2A Estrada perde auga a tres días de empezar as festas

A Estratexia do alcalde pasa por botar balóns fóra e descargar a súa responsabilidade noutras administracións

A Estrada levantouse hoxe, -unha vez máis-, coa traída perdendo auga na Avenida Benito Vigo e centos de veciñas e veciños sen auga corrente nas súas casas, e todo isto ocorre a tres días do inicio das festas patronais.

O concelleiro do BNG, Xosé Magariños, manifestou que “está claro que o goberno municipal é incapaz de solucionar os problemas que ten a traída da Estrada, tanto polas perdas que ten como polo pésimo servizo que ofrece, como denunciaron hai uns días as veciñas e veciños de Bouza Brey”.

Para o nacionalista “non estamos a falar dun feito illado, non é a primeira vez que ocorre este tipo de roturas na traída, e case sempre no mesmo sitio, o que demostra que o goberno do PP non sabe atallar o problema, e adícase a poñer parches no canto de atacar o problema de raíz”.

“Porén,” engadiu Magariños, “a estratexia do alcalde pasa por botar balóns fóra, e descargar a súa responsabilidade noutras administracións como se a cousa non fora con el”.

Verquido de augas fecais

Por outra parte os nacionalistas denunciaron unha vez máis os verquidos de augas fecais. Neste caso é nos Bolos na parroquia de Lagartóns.

Para o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, este é outro dos problemas recorrentes que ten A Estrada. “Non é a primeira vez que denunciamos os problemas que ten o noso concello coas augas fecais e non será a última”, afirmou. “Hai puntos do rural e da vila”, engadiu, “que son unha auténtica cloaca, pero como en tantas outras cousas, o PP non fai nada para solucionar estes problemas, ao mellor é que pensa que se solucionan sós”.

BNG de A Estrada

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta