O BNG esixe explicacións ao alcalde polo desmantelamento do Grupo de Cans de Rescate
Xosé Magariños acusa ao alcalde de desleixo e abandono do GCR, referente estatal na especialidade
O portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, amosouse preocupado polo que está a acontecer co Grupo de Cans de Rescate da Estrada. Segundo Magariños, «vendo o que está pasando estes días en Italia, onde os cans de rescate son unha peza clave para salvar vidas humanas no terremoto que afectou a varias localidades do páis, é incomprensíbel que desde o concello non fagan nada para manter o Grupo de Cans de Rescate que era modélico e estaban sobradamente preparados para actuar en casos semellantes».
«É evidente», afirmou o concelleiro do BNG, «que o GCR sufriu un deterioro importante desde a entrada do grupo de goberno do PP, e se agora mesmo non temos grupo de rescate canino é por culpa do alcalde e polo seu desleixo».
O concelleiro nacionalista esixe ao alcalde da Estrada «explicacións sobre o que está pasando co Grupo de Cans de Rescate para que en poucos días quedara completamente desmantelado un referente galego, senón estatal, neste tipo de especialidades».
—
BNG da Estrada