OS CONTACONTOS DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA DO PROGRAMA 'GALICIA CULTUREA' REMATAN ESTE MÉRCORES NA ESTRADA

A Estrada 1
A Estrada vai clausurar o vindeiro mércores as actividades de contacontos da Rede de Dinamización Lingüística incluídas no  no programa ‘Galicia culturea. Cultura e lingua no verán’, que se desenvolve en máis de 160 concellos da Comunidade. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o alcalde da Estrada, José López, presentaron este mediodía no concello o espectáculo “Contos vellos para rapaces novos”, que se representará, da man de Edicións Bolanda, o vindeiro mércores ás 20.00 horas na alameda municipal.

 

O responsable da política lingüística da Xunta destacou o obxectivo deste tipo de iniciativas de que “a lingua galega teña un papel destacado nos programas e nas festas do verán, visibilidade nas rúas, nas prazas e nos emprazamentos máis céntricos e amplas posibilidades para ofrecer propostas ao gusto de todos os públicos”.

A Estrada 3

Valentín García tamén explicou que esta actividade de contacontos, pensada para todos os públicos pero orientada especialmente aos cativos de entre 5 e 10 anos de idade, céntrase en historias populares de todo o mundo recollidas por Xosé Neira Vilas, polo que considera “perfecto que esta actividade se clausure na Estrada, tendo en conta o especial vencellamento do autor de Gres con este concello, ao que sempre acudía para participar en todos os actos culturais”.

 

Pola súa banda, o rexedor estradense valorou especialmente as iniciativas organizadas por Política Lingüística, sobre todo para a mocidade, xa que estima que “é fundamental que se siga a coidar o semente da lingua entre as novas xeracións” e ademais quixo agradecer a sensibilidade de Valentín García con todas as necesidades e proxectos propostos dende o concello estradense a prol da lingua e dos cativos.

 

‘Contos vellos para rapaces novos’

Con esta proposta de contacontos inspirada na obra homónima de Xosé Neira Vilas, o programa ‘Galicia culturea’ réndelle homenaxe ao escritor de Gres (Vila de Cruces) para achegarlle ao público xeral e, nomeadamente, ao familiar con cativada dos 5 aos 10 anos, unha manchea de historias que recrean mostras da narrativa tradicional de comunidades dos cinco continentes. Así, a actividade leva á rúa contos de tradición oral que chegan desde a Europa albanesa, eslovaca ou ucraína até as afastadas Nova Zelandia ou Australia, pasando polas asiáticas Birmania, India ou Xapón, as africanas Liberia, Malí ou Nixeria e narracións brasileiras, cubanas ou peruanas, entre outras. Quen participe nela terá oportunidade de facerse cun exemplar do fermoso libro editado en gran formato por Bolanda Edicións con ilustracións de Antía Barba.

 

Dende o pasado mes de xullo este espectáculo chegou a 24 localidades da Rede de Dinamización Lingüística: Abegondo, Ames, A Baña, Boqueixón, Cee, Ponteceso, A Laracha, Muxía, Noia,  Ordes, Ribeira, Vedra, Zas, A Estrada, Marín, Pontecesures, Valga, Vila de Cruces,  Cartelle, Ourense, Quintela de Leirado, Mondoñedo, Triacastela e Burela.

 

‘Galicia culturea’

‘Galicia culturea’, percorre este verán o noso territorio co obxectivo de reforzar as celebracións festivas e o ocio estival con preto de 600 actividades culturais e de dinamización lingüística en 166 concellos.

 

Trátase de espectáculos de maxia, obras de teatro, obradoiros, exposicións, concertos, recitais de poesía e actividades de dinamización á lectura, entre outras propostas. Todas elas, ou ben son promovidas directamente por diferentes departamentos da propia consellería, ou ben contan coa implicación e colaboración dela.

 

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

Esta entrada fue publicada en Política, Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta