Presentación «O legado dos Valladares de Vilancosta»

O legado dos Valladares de Vilancosta é o froito de anos de traballo do profesor e humanista Carlos FerreirósEspinosa (Poio, 1917-Berres, 1996), quen, tras o seu retiro como Catedrático de Terapéutica Física da Universidade de Santiago, marchou ao casal de Vilancosta ―que herdara dos seus devanceiros― para dedicar o resto dos seus días á escrita dunha longa crónica da saga familiar.

​O resultado é esta amplísima monografía de case setecentas páxinas, un estudo decisivo para o mellor coñecemento dos Núñez, os Gómez Rivadulla e Besteiro, os Valladares, os Espinosa e os Ferreirós, distinguidas familias de próceres e ilustrados á que pertencen algúns dos persoeiros máis significados non só das terras ullás, senón de todo Galicia, como o insigne político, xeógrafo e ensaísta Xosé Dionisio Valladares; os seus fillos, os eximios escritores Marcial Valladares e AvelinaValladares; ou o político rexionalista e tamén escritor Laurentino Espinosa Valladares.

​Este libro é un volume de decisiva importancia por canto nel se recolle moi valiosa documentación de tipo histórico, cartográfico, epistolar, ensaístico, literario e gráfico, acompañándose todos estes importantes materiais de abondosas informacións contextuais e biográficas que os explican.

​Mercé a estas páxinas descubrirase o decisivo papel que como cartógrafo xogou Xosé Dionisio Valladares na confección do mapa do seu colega Domingo Fontán; poderán consultarse datos e xuízos de innegable interese respecto da vida e obra de Marcial Valladares; leranse versos inéditos, en galego e castelán, de Avelina, Serxio e Luísa Valladares e tamén de Laurentino Espinosa, así como correspondencia con outros persoeiros destacados do seu tempo.

​Este excepcional volume de Carlos FerreirósEspinosa conta, amais, cunha moi elaborada “Introdución” que coasinan catro grandes coñecedores do legado dos moradores do casal de Vilancosta; a saber: Mercedes Brea, Juan Andrés Fernández Castro, María Xesús Nogueira e Ofelia Rey Castelao. Tamén forman parte da publicación dous textos de presentación asinados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e mais o alcalde da Estrada, Xosé López Campos, e un capítulo epilogal disposto polos fillos do autor: Carlos, Maricarmen, Xoaquín e Xosé Ferreirós Domínguez, que trazan un completo perfil da figura de seu pai.

O legado dos Valladares de Vilancosta foi preparado para a súa edición por Armando Requeixo, investigador do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, entidade que publica o libro.

A sús presentación será o vindeiro 13 de Abril as 20.00h no Mome A Estrada, o acto estará amenizado pola Coral Pólifonica de Berres.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta