Fernando Redondo gaña o XXIII Premio Manuel Reimóndez Portela cun artigo sobre o cine galego

• O premio, dotado con 1.000 euros, unha talla e un diploma acreditativo,
entregarase durante a 32ª Feira do Moble de Galicia, concretamente o
venres 21 de setembro ás 19.00 horas

 

O xurado do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela
acordou na reunión celebrada esta tarde na sede da Fundación de Exposicións e
Congresos da Estrada outorgar o galardón desta vixésimo terceira edición a Fernando
Redondo Neira polo artigo “Derivas e encrucilladas do novo cinema galego”, publicado
na revista Tempos Novos.
O xurado, que agradeceu a presentación dunha vintena de traballos e destacou a
calidade dos mesmos, valorou do artigo gañador “a impecable redacción e
plantexamento, sendo preciso e concreto, ben informado e moi documentado”. Nesta
ocasión, a deliberación correou a cargo do concelleiro de Cultura da Estrada, Juan
Constenla, como presidente do xurado, Victoria Reimóndez Sanmartín, Evaristo Mato
Oliveira, Enrique Otero Fernández e Juan Andrés Fernández Castro, exercendo como
secretario con voz pero sen voto José Manuel Bouzas Blanco.
O premio, que está dotado con 1.000 euros, unha talla conmemorativa e un diploma
acreditativo, entregarase no transcurso da 32ª Feira do Moble de Galicia,
concretamente o venres 21 de setembro ás 19.00 horas. O acto, que presidirá o
alcalde da Estrada, José López, e que contará coa presenza de persoeiros do ámbito
cultural de Galicia, estará precedido dunha ofrenda floral a cargo do Coro Parroquial
de San Miguel de Castro e será presentado pola profesora de Literatura Galega na
Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do Diccionario de Literatura
Galega publicado pola Editorial Galaxia, Dolores Vilavedra Fernández.

Compárteo!

Deja un comentario