Montse Prado: “A morte dun veciño da Estrada no PAC non pode quedar impune, chegaremos até o final”

A deputada nacionalista visita o centro de saúde para coñecer o estado e instalacións no que faleceu unha persoa o pasado 4 de agosto

 

A deputada do BNG, Montse Prado, así como membros do consello local da organización nacionalista da Estrada, Susana Camba e Constantino Regueira, fixeron na mañá de hoxe unha visita ao centro de saúde da Estrada e ao PAC da localidade no que pasado mes de agosto faleceu un veciño por mor dos recortes na sanidade pública galega.

Montse Prado quixo coñecer in situ as instalacións do PAC e do centro de saúde, tempo que aproveitou tamén para falar cos responsábeis do ambulatorio. Segundo explicou a deputada nacionalista, “esta visita enmarcase na investigación parlamentar impulsada polo BNG, PSdeG-PSOE e En Marea que servirá para aclarar o ocorrido o sábado 4 de agosto pasado no que faleceu unha persoa porque nese intre non había equipo médico, porque saíra do centro para atender unha urxencia”.

A deputada do BNG quixo manifestar que “existe un compromiso claro por parte da nosa organización para chegar até o final neste asunto, que non pode quedar impune nin nunha simple declaración de intencións, como fixo Feixóo a semana pasada en sede parlamentar, nun intento de tranquilizar á familia presente no hemiciclo e á opinión pública”.

“Por parte do BNG”, engadiu Montse Prado, “temos claro que saúde é unha prioridade absoluta, e traballaremos arreo para rematar cos recortes, que ao tempo que precarizan servizos, incrementan as contas de resultados de empresas privadas da saúde, mais tamén da educación pública”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta