A Estrada pon en marcha o seu cuarto Programa Integrado de Emprego

O Concello da Estrada pon en marcha o cuarto Programa Integrado de Emprego “A Estrada Activa IV”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e que se vai xestionar dende a Fundación Cultural A Estrada, co obxectivo acadar a mellora da empregabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego da localidade.

Esta edición do PIE conta con prazas para 100 participantes pertencentes aos colectivos de persoas desempregadas con discapacidade, en risco de exclusión social, menores de 30 ou maiores de 45 anos, perceptoras de prestacións, mulleres e persoas desempregadas de longa duración.

Para poder participar neste programa é requisito imprescindible estar inscrito como demandante de emprego no Servizo Galego de Colocación, onde se realizará unha selección previa dos participantes. As persoas interesadas en obter máis información sobre este programa, poden solicitala a través do teléfono 986 57 09 97 ou directamente no Servizo de Emprego e Desenvolvemento Local da Fundación Cultural de A Estrada, sito na planta baixa do número 94 da Avenida Benito Vigo.

“A Estrada Activa IV” contempla un obxectivo de inserción do 35 por cento durante os doce meses do seu período de funcionamento, dende novembro de 2018 ata finais de outubro de 2019, tal como aconteceu nas edicións precedentes, nas que se acadaron cotas de inserción superiores a esa porcentaxe.

Os participantes do Plan Integrado verán fornecidas as súas aptitudes mediante formación en novas tecnoloxías e idiomas, formación específica para o emprego, fomento da capacidade emprendedora ou prácticas profesionais non laborais en empresas, entre outras accións.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta