Ángel Stanich actuará no Teatro Principal da Estrada

Un dos artistas máis importantes do circuíto independente español acaba de confirmar a súa actuación no Teatro Principal da Estrada o vindeiro 1 de febreiro ás 22.00 h.

Trátase de Ángel Stanich, artista santanderino que comezou a súa carreira en 2014 co disco “Camino ácido”  co que atopou o recoñecemento unánime da crítica especializada e dos siareiros do rock alternativo en España.

As súas continuas aparicións en Radio 3 e o recoñecemento de revistas como Rolling Stones ou Mondosonoro comezoulle a propiciar a súa participación en festivais como Sonorama, Madcool ou Noroeste. Malia este rotundo éxito, Ángel Stanich mantén un perfil enigmático e bohemio na súa carreira. Un ermitán que foxe dos medios de comunicación e do balbordo mediático para tecer composicións cheas de desamor, malditismo e melancolía.

No mes de novembro do 2017 publicou o seu segundo CD “Antigua y barbuda”, disco que aínda está a presentar por toda a xeografía española. A actuación no Teatro Principal da Estrada contará coa  banda ao completo e as entradas poderán mercarse a partir do vindeiro luns 19 de novembro.

A venda poderase realizar no departamento de Cultura do Concello da Estrada de 9.00 a 14.00 h ou no Café Bar Boliche da Estrada. Tamén poderán adquirirse na web www.ticketea.com.

A presenza de Ángel Stanich sumarase á listaxe de artistas icónicos que actuaron xa no Teatro Principal da Estrada, coma Iván Ferreiro, Xoel López, La Habitación Roja ou Rubén Pozo, entre outros.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta