O 4 de decembro abrirase o prazo de inscrición para o Campamento de Nadal

O prazo de inscrición para o Campamento de Nadal 2018 abrirase o vindeiro 4 de decembro, dirixido a corenta rapaces e rapazas de entre 3 e 13 anos. As solicitudes de inscrición poderán presentarse no departamento de Servizos Sociais do Concello da Estrada, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas ata o día 14 de decembro.

O campamento comezará o 24 de decembro de 2018 e estenderase ata o 7 de xaneiro de 2019 e desenvolverase nun horario de 8:00 a 14:00 horas de luns a venres, ou de 7:30 a 15:30 para aqueles que contraten o servizo de almorzo e comedor.

A cota de inscrición será de 23,10 euros para as familias empadroadas no concello da Estrada e de 38,50 euros para as familias non empadroadas pero nas que algún dos proxenitores estean en disposición de acreditar que se atopan traballando na Estrada. As familias que soliciten o servizo de almorzo e comedor deberán de comunicalo e aboar o importe correspondente nas instalacións da empresa Coesco, encargada de acoller o campamento.

O formulario de solicitude de inscrición xa se atopa dispoñible a través da páxina web do Concello, e xunto co formulario cuberto, no momento da inscrición haberá que entregar unha fotografía do neno ou nena que opta a participar no campamento, unha fotocopia do DNI do pai, nai ou titor do menor, a tarxeta da Seguridade Social do menor, a fotocopia da cartilla de familia numerosa, no caso de selo, e o xustificante da actividade laboral dos pais, a non ser que o rapaz participara tamén no Campamento Urbano de Verán, en cuxo caso só se deberá presentar este último documento.

No caso de que o número de solicitudes supere a previsión de prazas terán preferencia no seguinte orde as familias en risco de exclusión social, as empadroadas no termo municipal, aquelas cuxos proxenitores se atopen traballando durante o período de inscrición nas actividades e as que acrediten a condición de familia numerosa. Por último terase en conta a orde de entrada das solicitudes. Se quedan prazas vacantes poderán inscribirse familias non empadroadas sen necesidade de acreditar a actividade laboral dos proxenitores no termo municipal.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta