O VI Festival Panic comezará o 18 de xaneiro

O VI Festival Panic comezará o 18 de xaneiro e estenderá as súas actividades ata o vindeiro 8 de febreiro, segundo anunciou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla. O festival, organizado polo departamento de Cultura do Concello, conta coa colaboración do servizo de Prevención de Trastornos Adictivos da Concellería de Sanidade, da produtora audiovisual Trípode e dos Minicines Central.

O festival de terror arrancará o venres 18 de xaneiro coa procesión da Santa Compaña oficiada por Fran Campos, que iniciará o seu percorrido ás 19:30 horas dende a Praza do Campo da Feira e rematará na Praza do Concello cun concerto e baile a cargo da banda Broken Peach. Os asistentes poderán maquillarse na Praza do Campo da Feira antes da hora de saída e tomar chocolate de balde.

Nesa mesma xornada e pola noite, a partir da medianoite comezará o maratón de cine de terror, no que se proxectará unha película de estrea; Glass, e outras tres películas de terror de diferentes subxéneros: Zombeavers, Los extraños. Cacería nocturna e Planet terror. Un maratón que se estenderá ata as 6:30 da madrugada.

Os seguintes venres ata o 8 de febreiro proxectaranse de balde ata completar aforo nos Minicines Central películas de terror, sempre na sesión de medianoite. Os filmes elixidos serán Mamá y papá (25 de xaneiro), Las noches de Halloween 2018 (1 de febreiro) e Revenge (8 de febreiro).

O 25 de xaneiro ás 21 horas terá lugar un contacontos de medo a cargo de Lois Pérez, para o que contarán con prioridade as persoas afectadas pola cancelación en novembro. Lémbrase que é preciso retirar invitacións no departamento de Cultura do Concello para acceder ao espectáculo.

O 8 de febreiro celebraranse as galas finais dos concursos de curtas, galardoado cun premio de 300 euros en metálico, e de fotografía, galardoado cun premio en metálico de 150 euros para a categoría de máis de 18 anos e un bono de compra de ACOE por valor de 150 euros para a categoría de menos de 18 anos. A gala de entrega de premios celebrarase nos Minicines Central e as bases pódense atopar na web www.panic.aestrada.com.

Como novidade, esta edición inclúese o 7 de febreiro ás 22:00 a actividade Noite das bestas. Unha actividade cinematográfica dirixida especialmente para os amantes do terror. Unha actividade de diálogo na que se exhibirán escenas de películas prohibidas nalgúns lugares e que acostuman a causar aprensión no público xeral, segundo aclarou o coorganizador do festival, Pedro Pérez. Non é preciso inscribirse previamente para a actividade, é suficiente con aparecer o día e hora sinalado na Praza do Concello, establecido como punto de encontro.

Aínda con data sen confirmar se atopa o obradoiro de microrrelatos de terror, que será impartido por Neves Soutelo no mes de xaneiro.

Compárteo!

Deja un comentario