Concello, ACE e Fundación Cultural firman convenio de colaboración en favor do emprego

O Concello da Estrada firmou hoxe un convenio de colaboración coa Asociación Comarcal de Empresarios (ACE) e a Fundación Cultural polo que se comprometen a unir esforzos en favor do emprego. Os tres entes traballarán conxuntamente para prover de formación aos demandantes de emprego e deste modo subministrar traballadores cualificados ás empresas que precisan man de obra.

A Estrada conta con varias alternativas postas en marcha dende a administración local orientadas a tales efectos, como relatou o alcalde, José López Campos, quen enumerou proxectos como o Programa Integral de Emprego, que nesta cuarta edición está formando a un cento de persoas desempregadas; os cursos AFD, dos que hai cinco en funcionamento; o plan de incentivos a emprendedores; o plan de emprego municipal, que conta cun presuposto de 600.000 euros anuais e permiten contratar a gran cantidade de xente e o obradoiro de emprego, que vai xa pola sexta edición.

Estas iniciativas forman ás persoas desempregadas ofrecéndolles unha oportunidade de atopar un traballo alonxado da precariedade instaurada nos últimos anos tralo paso da crise económica. A Estrada está a tomar un camiño polo que crear traballadores orientados a aquelas funcións que van desempeñar nas empresas, un camiño que, mediante estas políticas de emprego, xa sitúa á localidade cunha cifra de desempregados por debaixo da rexistrada ao peche do ano por un concello cunha poboación similar, como Lalín, cando en anos anteriores rexistrabamos entre 200 e 300 por enriba.

Non se poden escatimar esforzos en materia de emprego, aseverou López, quen afirmou que iso é o que significa a firma do convenio; unha colaboración directa entre os tres entes para que por medio do traballo de forma conxunta non quede ninguén que, querendo traballar, non sexa capaz de atopar un emprego.

O presidente da ACE, Fernando Martínez, sinalou que a firma deste convenio ten moita importancia á hora de ofrecer formación ás persoas desempregadas, porque existe demanda de emprego na Estrada, pero non a man de obra axeitada para os postos que se precisa cubrir. Deste xeito, mediante a ensinanza, conseguirase formar xente para esas empresas demandantes.

O concelleiro de Emprego, Óscar Durán, lembrou a existencia do portal de emprego do Concello, un sitio web que atende as recomendacións e consultas da veciñanza e no que se trata de recoller as inquietudes profesionais da veciñanza para ofertar e conferirlles despois esas aptitudes mediante a oferta de cursos de formación.

O punto máis importante é que a formación de calquera tipo estea dirixida á oferta de traballo existente na Estrada, que se dirixa aos distintos sectores do concello e da comarca, matizou o subdirector da Fundación Cultural, Carlos Andújar.

Un exemplo de postos que non se están cubrindo facilmente son os de carniceiro, persoal de coidado de persoas dependentes, albaneis, carpinteiros e soldadores, para os que existen ofertas, pero non man de obra axeitada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta