O BNG leva á rúa as necesidades e prioridades da estrada fronte ao despilfarro da Alameda do PP

A ampliación da Alameda nada vai aportar ao desenvolvemento económico da Estrada

O BNG da Estrada leva á rúa o malestar da veciñanza polas obras da Alameda. O concelleiro nacionalista, Xosé Magariños, que lideraba este acto reivindicativo explicou que “levamos desde 2015 cunha posición firme en contra da ampliación da Alameda na que o PP está empeñado en enterrar máis de tres millóns de euros, unha obra que borra dun plumazo parte do noso pasado cultural e sentimental, o que dá conta do que significa parra o PP a cultura e o patrimonio”. “Por moito que o alcalde minta nas redes sociais para tranquilizar ao seus, a nosa posición sempre foi a mesma a redor da ampliación da Alameda,”, indicou Magariños, “temos un concellos no que hai moitas carencias, no rural e na vila, ás que cómpre darlle prioridade”.
“O concello da Estrada ten graves problemas económicos e sociais”, afirmou, “iso é algo no que pode estar de acordo calquera veciño ou veciña, independentemente da ideoloxía que teña, non hai que ser doutor en economía para velo, non é normal que na principal rúa da Estrada haxa tantos comercios pechados, síntoma inequívoco de que algo non vai ben; mais desde o goberno municipal non fan nada; propuxemos que se sentaran co sector para analizar que pasa, que solucións pode haber, e nada, nin iso fan”.
Xosé Magariños explicou que “as obras da Alameda están xerando malestar entre os veciños e veciñas, non só porque cortaran árbores centenarias ou destrozasen unha praza que apenas ten 16 anos e que estaba en perfectas condicións, senón porque os veciños e veciñas saben que iso non é prioritario, e non o é porque sofren continuos cortes dun ben imprescindíbel para vivir dignamente como o é a auga, o último foi esta mesma semana, outra vez en Fernando Conde”. “E o lamentábel”, engadiu Magariños, “é que despois da inauguración desta praza de deseño, pero sen alma, os cortes de auga na vila seguirán”.
“Por iso”, explicou o concelleiro nacionalista, “fixemos este acto reivindicativo pendurando os problemas da Estrada real no balado que rodea esta obra farónica López”. “Aí aparecen por  exemplo”, engadiu Magariños, “os problemas que reiteradamente denunciamos de verquidos dos sumidoiros e por suposto da falta de saneamento do rural; tamén aparecen os problemas que hai habitualmente na recollida do lixo, tanto na vila como no rural, onde se amorea durante días; tamén denunciamos os problemas na atención ás persoas dependentes, e non só falamos da posta en marcha dun centro de día que mereza tal nome, non a versión mini do Novo Mercado, falamos dun verdade, falamos de servizo de axuda no fogar que depende do concello, que ten unha gran lista de espera; falamos de melloras nos viais municipais do rural, así como da deficiente sinalización dos núcleos e parroquias; e non nos esquecemos do matadoiro municipal que cae a pedazos ou da Torre de Guimarei que está perdida nunha silveira, e que podía facer un excelente centro de interpretación a moi pouca distancia do centro da vila”.
“A Estrada agoniza”, indicou Magariños, “iso é evidente, levamos 20 anos con crecemento vexetativo negativo, temos o rural abandonado, e non só o dicimos polos viais, as cunetas, o saneamento… senón porque está a monte, improdutivo e non se albisca no horizonte ningunha política que lle dea a volta a esta situación, nin por parte do goberno municipal nin por parte da Xunta”.
A organización nacionalista chamou a participar neste acto baixo o lema “A Desfeita da Estrada”, porque, segundo explicou Xosé Magariños, “simboliza o estado agonizante do noso concello, e fronte a isto, unha obra na que se van investir moitos millóns de euros, pero que nada vai a aportar para o desenvolvemento económico do concello, ao contrario, será unha carga para as arcas públicas do concello, xa que o mantemento deste despropósito non será pequeno, e pagarémolo a escote entre todos e todas.”.

— 
BNG da Estrada

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta