O PP da Estrada en contra de abaratar a factura da luz dos veciños e veciñas A organización que dirixe o alcalde rexeita agora en comisión a moción do BNG que pide a implantación dunha tarifa eléctrica galega que se aprobou por unanimidade en 2014

“É incomprensíbel que o PP da Estrada vote en contra de abaratar a electricidade aos veciños e veciñas”, afirmou o concelleiro do BNG, Xosé Magariños, que no día de onte defendeu na comisión de organización do concello unha moción da organización nacionalista para implantar unha tarifa eléctrica galega.

“Mais que o xa é sorprendente é que este mesmo partido, que onte votou en contra da moción da Tarifa Eléctrica Galega, votase en 2014 a favor doutra moción semellante”, indicou Xosé Magariños, “e vota en contra precisamente nun contexto onde os veciños e veciñas se ven asfixiados polas facturas das eléctricas e nun intre no que están a pechar empresas (Alcoa) botando traballadores e traballadoras á rúa precisamente polo excesivo custe da electricidade”.

“O PP ten que ser coherente coas decisións que toma e non parapetarse en tecnicismos para rexeitar abaratar a electricidade, cuxo prezo disparatado está a causar graves problemas os nosos veciños e veciñas”, indicou Magariños, “semella que o PP ten máis interese en protexer os intereses das eléctricas, a cuxos consellos de administración van parar os ex-altos cargos do PP, nunha especie de xubilación dourada que pagamos todos e todas”.

O concelleiro do BNG explicou que “Galiza produce electricidade a esgalla, exportamos un 35% da electricidade que producimos e, logo de sufrir as consecuencias da súa produción, o lóxico é que teñamos algunha beneficio, e non que se beneficien outros, como por exemplo Madrid, que ten a electricidade máis barata ca nós, a pesar de non producir nada”. “Con esta moción o BNG propón dúas cousas”, engadiu, “en primeiro lugar que se rebaixe o IVE da electricidade do 21 ao 4%; estamos a falar dun ben de primeira necesidade, e non pode ser que teña o mesmo IVE que un Ferrari; e en segundo lugar, que se exclúa a Galiza da Orde definitiva para a tramitación respecto dos suplementos territoriais para o exercicio 2013, por atentar contra as competencias galegas en materia de tributación ambiental e por seren contrarias para os intereses do tecido social e económico galego, correspondendo ao goberno do Estado asumir os custos que poida ocasionar a aplicación das sentenzas”.

Finalmente o concelleiro do BNG agarda que o PP “cambie de criterio e apoie esta moción polo ben dos veciños e veciñas e polo ben dos galegos e galegas”.

— 
BNG da Estrada

Compárteo!

Deja un comentario