LUIS LÓPEZ BOUZA: “HOXE COMEZA A CONTA ATRÁS PARA DEVOLVERLLE O CONCELLO Á VECIÑANZA”

Luis López Bouza presentouse este sábado ante a veciñanza da Estrada como o novo candidato socialista á alcaldía co compromiso de “devolverlle o Concello á veciñanza”.

“Os socialistas temos outra forma de facer política: vimos, estamos coa xente e escoitámola para saber o que precisan”, asegurou o recentemente elixido nun acto no que recibiu o calor dunhas 300 persoas.

López Bouza, de 25 anos e licenciado en Dereito, asegurou que A Estrada non poden continuar coa “sangría de poboación” que sufre nos últimos anos. “Perdemos poboación, e perdemos poboación en idade de producir”, sinalou o socialista, que ve esta situación como “inviable” e acusa ao Partido Popular de “non facer nada para remedialo”.

“Demos unha sorpresa co candidato, e darémola nas vindeiras eleccións”, finalizou López Bouza, “traballando con ilusión, con forza e con convicción por e para as veciñas e veciños”.

López Bouza contou co apoio de dirixentes socialistas de todos os ámbitos. David Regades, secretario xeral provincial, sinalou que o partido “sae a por todas na Estrada” e no resto das vilas da provincia, “como sempre fai, porque o municipalismo é o sinal de identidade das e dos socialistas”.

“A Estrada necesita un alcalde coma ti, con ganas de escoitar á xente”, continuou Regades, que describiu a Luis como “un home vital, optimista, con garra e convicción, con principios e formado”. “Coa elección de Luis estamos a decirlle á xente que no Partido Socialista sempre apostamos polos mellores para ser candidatos”, finalizou.

Unhas afirmacións que apoiou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. “Hoxe é un día extraordinario para A Estrada”, sinalou Silva, “pois en Luis atópanse as mellores calidades para ser alcalde: vive ao carón da xente, relaciónase con ela e sabe escoitala”.

A presidenta da Deputación quixo aproveitar a visita á Estrada para cargar contra o actual goberno do PP, ao que acusou de “mentir” tras acusala de retrasar uns proxectos solicitados pola vila á Deputación. “Como se atreve a dicir iso cando foi el quen presentou as solicitudes incompletas e lle tivemos que reclamar a documentación desde a Deputación?”, denunciou entre aplausos do público.

“Menos cuestionar e máis traballar”, sinalou Silva, que recordou que a Deputación “investiu 11 millóns de euros neste mandato na Estrada, máis que ningunha outra administración”. “Onde está o alcalde cando é a Xunta de Feijóo a que non inviste aquí, como no caso do PAC?”, preguntouse a presidenta do ente provincial.

López Bouza tamén contou co respaldo do secretario xeral galego, Gonzalo Caballero, quen ante a recente convocatoria de eleccións xerais aseguro que imos vivir “semanas de moita intensidade política”. “Desde este partido farémolo con forza, argumentos, pedagoxía e alegría” para trasladar “á veciñanza que o PSdeG ten un proxecto para os concellos, para Galicia e para España”.

“Xogámonos moito”, sinalou Caballero, para quen agora “é o tempo de actuar, para que o que non nos gusta non se poida dar”. “As prioridades que tiña o goberno da dereita víanse claras na subida do 0,25% das pensións o ano pasado”, denunciou o máximo dirixente do socialismo galego, para poñer a continuación en valor “as políticas sociais levadas a cabo nestes oito meses por Pedro Sánchez”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta