Dúas portas e un segredo acercan a comedia negra ao Principal

Mañá, venres 15 de marzo, a partir das 21:00 horas terá lugar a representación da comedia negra Dúas portas e un segredo no Teatro Principal. A compañía de teatro estradense Disfunción Continua porá en escena esta comedia de enredo dirixida por Jouse García.

A concelleira de Educación, Amalia Goldar, animou á veciñanza a adquirir as entradas para a obra, que se poderán mercar a un prezo de 3 euros no Departamento de Cultura do Concello ou na billeteira do teatro momentos antes do comezo da obra. Trátase dunha historia un tanto disparatada que transcorre nunha casa familiar e que xira en torno a un segredo.

Aínda que non está dirixida a un público moi cativo, tampouco se pode precisar unha idade mínima á que se dirixe a obra, precisou a compoñente do elenco Natalia Carbajal, quen afirmou que o público poderá desfrutar dunha trama elaborada que se vai complicando segundo avanza a acción. Con diálogos divertidos e inxeniosos que non dan descanso ao espectador, a historia induce tamén a reflexionar sobre temas transcendentais coma o límite entre a cordura e a loucura e o amor á familia, entre outros, nunha obra lixeira, de apenas unha hora de duración

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta