O Teatro Principal quédase pequeno para o concerto Fin de vida de Carlos Barruso

O Teatro Principal quédase pequeno para o concerto Fin de vida de Carlos Barruso, que se celebrará alí o venres ás 21:00 horas, e para o que hai días que se esgotaron as entradas. Tal como lle comentaron nos distintos puntos de venda, este espectáculo podería encher varias veces o aforo do teatro, segundo explicou hoxe o artista.

Despois de ser diagnosticado cun cancro de páncreas terminal entregouse por enteiro ao que o fai feliz en todo momento; a música. Este concerto Fin de vida será como unha xuntanza entre amigos que quedan para facer música e representa un canto de esperanza, unha maneira de transmitir unha mensaxe positiva de que hai que desfrutar da vida e do que te faga feliz en cada momento, afirmou.

Tendo en conta o motivo polo que se realiza enténdese o especial que resulta, e por esa mesma razón é pola que Barruso non ve sentido en realizar outras sesións. “Dáme rabia pola xente que se queda fóra, pero a emotividade é algo que pertence ao momento. Non é algo que se poida replicar  noutros pases”, dicía o artista.

A maior parte dos músicos que o acompañarán o venres, en torno á metade, foron os seus alumnos, e os restantes, amigos artistas cos que compartiu escenario ao longo da súa carreira. Barruso irá tocando con cada unha das agrupacións durante a velada dun evento cunha organización artellada de tal forma que se eviten os grandes cambios enriba do escenario, a pesar da cantidade de músicos que pasarán por el.

Para pechar o acto, o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, salientou o talento, paixón e profesionalidade que Barruso ten como constante, non só no mundo da música, senón a nivel persoal, e afirmou que este concerto vai ser algo especial para todos os asistentes e que enriba do escenario se poderá sentir o cariño que a xente da Estrada lle profesa a este artista.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta