CARMELA SILVA SINALA ÁS E AOS SOCIALISTAS COMO OS ARTÍFICES DO CAMBIO NA POLÍTICA MUNICIPAL

. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou este martes no acto organizado pola dirección provincial do partido na Estrada, no que destacou os case 22 millóns de euros postos a disposición dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Forcarei e A Estrada . “É o maior investimento feito nunca por esta Deputación nestes concellos”, defendeu a presidenta. En concreto, Cerdedo-Cotobade percibiu 6.628.475,79 €; 4.291.489,95 euros foron parar ás arcas de Forcarei; e o concello da Estrada dispuxo de 10.998.906,48 € aportados pola Deputación cos que realizar diferentes investimentos.
Acompañada polas candidatas e candidatos á alcaldía das vilas antes citadas, Lina Garrida, Verónica Pichel e Luis López Bueno respectivamente, Silva sinalou que a Deputación de Pontevedra converteuse durante este mandato “na entidade provincial de toda España que máis transferencias fai aos municipios”. Unhas transferencias de capital feitas a través de diferentes programas e “respectando sempre a autonomía local”. En total, os investimentos feitos polo goberno provincial arroxan unha cifra de 732,41 euros por habitante de media entre os tres concellos: 1.139,89 euros por habitante de Cerdedo-Cotobade, 1.243,55 euros no caso de Forcarei e 532,35 por cada veciña e veciño da Estrada. Estas cifras permiten, en palabras de Silva, “que a totalidade da veciñanza teña garantidos os servizos básicos e os dereitos”.
A presidenta da Deputación mostrouse orgullosa do traballo feito durante estes catro anos. “Chegamos a unha Deputación pechada á sociedade”, denunciou. “Nós abrimos as portas e as ventás, aireamos a casa, trouxemos a transparencia e as novas formas de facer política, baseadas na igualdade e a solidariedade, sinais de identidade das e dos socialistas”, apuntou Silva.
O reparto equitativo dos fondos da administración provincial, “baseado nun modelo no que os recursos se reparten con criterios obxectivos e chegan a todos os concellos, sexan da cor política que sexan”, foi un dos piares do discurso de Silva. A dispersión xeográfica dos habitantes do concello ou a súa idade convértense en factores que se teñen en conta á hora de asignar fondos, rematando coa época “na que o presidente Louzán tiña á súa disposición 20 millóns de euros que repartía arbitrariamente”, explicou Silva, “atendendo a quen gobernaba e a intereses electorais, e non aos da veciñanza”.
Estas cifras de investimentos nos tres concellos supoñen un aumento con respecto ao 2015 dun 33,33% de media entre os tres concellos. En concreto, en Cerdedo-Cotoboade o aumento foi do 30,24%; un 19,58% no caso de Forcarei; e para A Estrada a cifra chegou ao 50,18%.
A presidenta entrou máis polo miúdo nas cifras dos investimentos que chegarán ao final do mandato a cada un dos concellos, con especial incidencia na área de Cooperación cos Concellos, e en concreto no Plan Concellos. Este programa posto en marcha polo Goberno de Silva supuxo un investimento en Tabeirós de case 13 millóns de euros, cos que se fixeron 80 actuacións entre os tres concellos de diversa índole: desde melloras urbanísticas das nosas vilas para convertelas en lugares mais amables para vivir, ata a construción de infraestruturas para prestar servizos aos cidadáns, como é o caso da adecuación do Museo do Pobo estradense Manuel Reimóndez Portela, na Estrada, ou a depuradora para tratamento de augas residuais en Paraños, no concello de Cerdedo-Cotobade, todas incluídas na Liña 1 do devandito Plan Concellos.
Con este programa de investimentos equitativos da Deputación tamén se cubriron outras necesidades dos concellos, como o pago de gasto corrente e a financiación de actividades municipais, dentro da Liña 2; ou a contratación de empregados municipais que garantan o correcto funcionamento dos servizos que prestan os concellos e os dereitos da cidadanía, recollido na Liña 3 deste Plan Concellos. Estes tres concellos puideron contratar 194 persoas: 29 no caso de Forcarei, en Cerdedo-Cotobade 68 e 97 na Estrada. Neste 2019 terán acceso a 51 novas contratacións, chegando a cifra ata as 245 persoas que acadarán un traballo a través dos fondos da Deputación.
“Introducimos criterios para o reparto de fondos como a dispersión da poboación, a superficie e os núcleos de poboación, o que permite maior xustiza á hora de asignalos”, afirmou a presidenta da Deputación. Neste punto Silva quixo lembrar outros dos plans postos en marcha pola Deputación durante este mandato: o Plan de Reequilibrio e o Plan DepoRemse. En total, a deputación aprobou unha actuación en cada un destes plans, ambas en Forcarei: a sinalización vertical dos núcleos rurais e urbanos de Forcarei, que percibiu 90.000 euros dentro do Plan DepoRemse, e a reforma do antigo albergue para convertelo nun centro deportivo, cun investimento de 312.000 euros do Plan de Reequilibrio, e cuxa aportación municipal foi cargada á Liña 1 do Plan Concellos.
A finalidade destes investimentos é, por un lado, dotar de servizos e instalacións a aqueles concellos de menos de 20.000 habitantes; por outro, mellor a mobilidade, poñendo por diante ás e aos peóns en detrimento do automóbil, mellorando a seguridade viaria e acondicionando os espazos públicos para o desfrute da veciñanza..
O candidato á alcaldía da Estrada, Luis López Bueno, exerceu como anfitrión do acto, agradeceu á Carmela Silva a súa presencia na Estrada para render contas ante a veciñanza da súa xestión na Deputación. “A chegada das e dos socialistas ao goberno provincial supuxo un antes e un despois na xestión dos recursos públicos da cidadanía da Estrada e de toda a provincia”, sinalou López Bueno, asegurando que tras o 26 de maio “as nosas veciñas e veciños darán co seu voto de novo a confianza a este partido para continuar na senda aplicada ata agora”.
Pola súa banda, Verónica Pichel quixo deixar claro que as novas formas “non son só o que, senón tamén o como”, e fixo un chamamento a cooperación entre concellos. “Alguén veu a foto das alcaldesas e alcaldes dos nosos concellos, xuntos, para falar de traballo nestes catro anos?”, preguntouse a candidata de Forcarei, que prometeu “diálogo e respecto institucional” para abordar os diferentes problemas que competen aos tres concellos.

Compárteo!

Deja un comentario