López garante un urbanismo «para as persoas» con cinco desenvolvementos no novo mandato

• Anuncia a humanización integral da contorna da Praza da Feira cunha solución
que compatibilizará espazos verdes co fluxo de vehículos e o estacionamento
• Apunta ao desenvolvemento de máis de 100.000 metros cadrados de superficie
entre a zona do Mercadona, preto do Novo Mercado, a rúa Forcarei e a carón
do Teatro Principal

O candidato do Partido Popular á Alcaldía da Estrada, José López Campos,
anunciou hoxe nunha comparecencia diante dos medios na Praza da Feira que, se a partires do 26 de maio segue gobernando, continuará a  transformar A Estrada valéndose da seguridade xurídica
do PXOM para desenvolver un modelo urbanístico «que lle dea o protagonismo ás persoas».
José López compareceu na contorna da Praza da Feira porque este será un dos cinco grandes ámbitos de desenvolvemento urbanístico nos que o PP pretende comezar a traballar nos vindeios
catro anos. Concretamente, neste caso López apuntou a «un proxecto integral de humanización» dun ámbito aproximado de 12.000 metros cadrados que comprende tanto a actual zona de
aparcamento e tránsito como a carballeira do Campo da Feira. Ao respecto, precisou que a
solución urbanística que se decida ten que compatibilizar os espazos verdes e de lecer co fluxo de vehículos e coa utilización como zona de aparcamento gratuíto.
O candidato popular sinalou que outra das áreas de actuación prioritarias é o ámbito que se atopa detrás da Casa das Letras -actualmente utilizado como zona de aparcamento- e a súa conexión cara ao Teatro Principal. Concretamente, precisou que a vivienda anexa ao propio edificio do teatro
atópase en venda, polo que o PP pretende negociar a súa adquisición, así como dunha franxa de terreo continuo que permitiría unir a zona traseira da Casa das Letras co aparcamento de detrás do
Teatro «para crear unha gran bolsa de estacionamento público e gratuíto en pleno centro».
Ademais, precisou que a edificabilidade correspondente a esa vivenda anexa permitiría edificar unha nova construción para uso cultural que «axudaría a paliar a actual necesidade de espazos
debido á intensa actividade cultural que hai na Estrada».


O terceiro dos ámbitos de desenvolvemento ao que se referiu José López é o correspondente áo
Solo Urbano de Desenvolvemento (SUD-R06) da Avenida de Vigo, no que se instalará a superficie
comercial Mercadona. Trátase dun ámbito de 37.465 metros cadrados de superficie que xa se atopaba nun avanzado estado de tramitación. De feito, o concello remitiu hoxe para a súa publicación nos boletíns oficiais do documento do Plan Parcial, ao tempo que os técnicos
municipais están a informar o proxecto de ocupación para, antes do verán, presentar o proxecto construtivo, que deberá engarzar coa anunciada rotonda de conexión coa estrada N-640. Nesta
ámbito, López precisou que ademais da superficie comercial, tamén se xerará unha bolsa de solo residencial para a construción de máis de 200 vivendas.
Finalmente, o candidato popular confirmou tamén a súa vontade de iniciar no vindeiro mandato o desenvolvemento público de dous ámbitos situados a carón da Avenida de América: o primeiro, denominado Solo Urbano Non Consolidado (SUNC-R01) Avenida de América está situado preto do
Novo Mercado e ocupa a actual zona de estacionamento provisional. Abrangue unha superficie global de 13.925 metros cadrados, da que máis de 3.000 metros quedarían reservadas para aparcamento en superficie. Pola súa parte, o SUNC-R02 rúa de Forcarei comprende un ámbito de
23.065 metros cadrados de superficie na franxa paralela á Avenida de América que vai cara a prolongación da rúa Antón Losada.
En total, entre os cinco mencionados ámbitos de desenvolvemento urbanístico estaríase a falar dunha superficie conxunta de máis de 100.000 metros cadrados que comezarían a desenvolverse
no vindeiro mandato.

Compárteo!

Deja un comentario