O BNG comprométese a fomentar o consumo de produtos frescos de proximidade

 O BNG da Estrada, de ter responsabilidades de goberno a partir do 26 de maio, comprométese a fomentar o consumo de proximidade de produtos frescos e de calidade da Estrada. Por unha banda, organizando e promovendo campañas de sensibilización entres os veciños e veciñas sobre as vantaxes que ten o produto fresco de proximidade, fronte aos que nos veñen desde miles de quilómetros de distancia e que se venden nas superficies comerciais.

Promoveremos tamén a creación canles de comercialización directa, a través da praza de abastos, os días de feira e na recuperacións feiras sustentábeis, que se puxeron en marcha durante a presenza do BNG no goberno municipal entre 2007 e 2011. Por outra banda, desde o concello estableceremos relacións estábeis co comercio local de xeito que os produtos do noso agro cheguen ás persoas consumidoras coa mesma facilidade que os de produción allea (froito da produción industrial intensiva) de peor calidade nutricional. 

Apostamos pola creación dunha marca para os produtos do noso concello, que garanta a calidade e o produto de proximidade.

O BNG promoverá tamén a creación de pequenas industrias de transformación e conservación dos produtos como medio para aumentar o valor engadido (conservas vexetais, manteigas, queixos e iogures, cogomelos desecados, …).

Esta serie de medidas teñen por obxectivo frear o deterioro do rural estradense. O abandono do rural non se frea con marquesinas amigables ou cestas “baby box” para frear o despoboamento como pretende facernos crer o PP, fréase con políticas activas, que poñan o rural a producir. O rural non quere ser unha reserva onde ir pasar o fin de semana.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta