Cousas que convén saber a respecto da ampliación da Alameda

O BNG foi a única forza política da oposición que recolleu sinaturas contra o proxecto de ampliación da Alameda. Foi o único que convocou mobilizacións contra as obras. E é a única forza política que botou fora do paripé da EDUSI

O 26 de maio os veciños e veciñas poden elixir entre o malgasto e a improvisación do PP ou modelo  BNG de políticas de recuperación do noso e de xeración de emprego no concello

 

 Poucos meses antes das eleccións municipais de 2015 o alcalde da Estrada anunciaba a súa intención de ampliar a Alameda. Daquela o BNG xa cualificaba o proxecto de malgasto de cartos públicos, fronte as necesidades máis importantes que tiña e ten o noso concello. Mais este anuncio non era como os anuncios que facía habitualmente o PP en época pre-electoral, a maioría dos cales aínda hoxe seguen sendo iso, anuncios, como o da licitación da Variante, anunciada por Ana Pastor, daquela ministra de fomento. Este anuncio tiña posibilidades de ser executarse.

Ante esta situación o BNG sae á rúa. O 25 de abril de 2015 recollemos sinaturas contra a obra de ampliación, de feito, naquela altura fomos o único partido da oposición que tivo un posicionamento firme e claro contra esta obra megalómana do PP.

O paripé da EDUSI

Despois das eleccións municipais apareceu o EDUSI, máis de seis millóns de euros de fondos europeos, que se destinarían a propostas emanadas, en teoría, dun proceso de participación social e cidadá. O BNG, como tantas outras entidades políticas e sociais, participou inicialmente dese proceso, poñendo enriba da mesas 45 propostas, entre elas a apertura de novas rúas, creación de aparcadoiros, mellorar o saneamento na vila e sobre todo levalo a todo o rural, etc. Unhas propostas que desde o punto de vista do BNG melloraban a calidade de vida dos veciños e veciñas, ao tempo que fomentaban a creación de emprego.

Sen embargo, ningunha das 45 propostas foi atendida, nin sequera debatida no seo comisión xestora da EDUSI, da que formaba parte o BNG. De feito, non se debateu ningunha proposta de outra entidade social ou política, agás a da ampliación da Alameda, unha proposta feita pola consultora IDOM, que o PP acolle cos brazos abertos. Así o corrobora o propio alcalde en declaracións aos medios de comunicación, onde afirmaba que “non é unha proposta do PP (deseño da Alameda). É unha proposta dun equipo, dunha enxeñería, que gañou un concurso e que se adapta ás necesidades da Estrada e á estratexia da EDUSI”.

Este feito corroborou o que o BNG tiña xa avaliado internamente, que o da participación cidadá era un paripé do PP para colar pola porta de atrás os proxectos dunha consultora que facía e desfacía a antollo. De tal xeito, en novembro de 2017 o BNG abandona a comisión xestora da EDUSI pola falta de transparencia, por non atender as propostas das entidades sociais e pola falta de sostibilidade social e económica da única proposta que emana desa comisión xestora: a ampliación da Alameda.

Así, o BNG é o único partido da oposición que abandonou a comisión xestora do EDUSI, para non sermos cómplices dunha cacicada de libro do PP e dunha consultora que fai o agosto na Estrada a conta de seis millóns de euros de fondos europeos.

Máis de 3 millóns de euros custa a ampliación da Alameda


A pesar do malestar social moi evidente nas rúas da Estrada, o PP segue decidido a gastar os 3.304.635 euros; dos cales 1.794.635 euros saen do peto dos veciños e veciñas para pagar a expropiación dos terreos, e 1.510.000 euros é o custe do proxecto sufragados con fondos da EDUSI.

As obras dan comezo, o BNG sae á rúa. Fomos o único partido da oposición que convocou unha mobilización contras as obras de ampliación, pola tala indiscriminada das árbores centenarias e polo levantamento da pedra que había diante do concello para lle botar cemento de branco cegador. A pesar da choiva que acompañou a protesta, mollámonos (literalmente) para denunciar o malgasto de cartos públicos, mais tamén para poñer en evidencia as carencias e necesidades do noso concello denunciadas nos últimos catro anos polo BNG.

No día de hoxe, 16 de maio, ás portas dunhas eleccións municipais, ábrese ao público a nova Alameda. O 26 de maio os veciños e veciñas teñen na súa man decidir que modelo de concello queren. O modelo PP de malgasto e a improvisación ou o que defende o BNG: políticas agro-gandeiras de proximidade, recuperación do patrimonio, saneamentos, solo industrial público, desenvolvemento do Plan Xeral, un centro de día que atenda a demanda existente, un concello que conte coa mocidade, un concello feminista con políticas de igualdade, que se tome en serio o mantemento das vías municipais e pelexe porque se faga a variante… en definitiva un concello BNG.


— 

BNG da Estrada
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta