Presentación de “Antonio Fraguas, documentar o pasado para termos un futuro galego”

O vindeiro venres, día das letras galegas, a Asociación Cultural “Vagalumes” presenta na Estrada a publicación “Antonio Fraguas, documentar o pasado para termos un futuro galego”, coa intervención do seu coordinador, o profesor Manuel Vilar, secretario do Museo do Pobo Galego. O acto terá lugar no MOME ás 20:30 h.
Este monográfico do semanario “Sermos Galiza” ten como colaboradores Mª Xosé Fernández Cerviño, Felipe-Senén López, Uxío-Breogán Diéguez, Xoán Carlos Garrido, Malores Villanueva,
Adolfo de Abel Vilela, Manuel Vilar, Xerardo Pereiro, Xosé Carlos Sierra, Xosé Manuel González Reboredo, Francisco Calo e Encarna Otero.
A Antonio Fraguas Fraguas dedícaselle o Día das Letras Galegas 2019. Nado en Insuela, parroquia de Loureiro (Cotobade), en 1905, e falecido en Compostela, en 1999, foi membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Director e presidente do Museo do Pobo Galego, dedicou a súa vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos. A súa figura foi recoñecida en vida co Pedrón de Ouro, coa Medalla Castelao, co Premio Trasalba, co Premio Otero Pedrayo e co Premio das Artes e das Letras de Galicia, entre outros. No noso Concello, recibiu o recoñecemento dos seus alumnos coa diversas homenaxes, tamén a Asociación Cultural “A Estrada” levou a cabo un acto de reparación coa presenza dunha nova xeración de historiadores no que se dou conta do súa importante achega para o noso autocoñecemento, e finalmente a Asociación Cultural “O Brado” fíxolle entrega do premio “San Martiño” á defensa da nosa lingua e cultura.
O venres, levarase a cabo na Estrada un roteiro que lembra a súa viaxe e escavación do castro de Ribela. Este roteiro terá lugar desde a mámoa do Arnado até Entrecastrelo, pasando pola Ponte de Leira. 
O especial das letras galegas do “Sermos Galiza” será distribuído gratuitamente aos asistentes aos diversos actos da Asociación Cultural “Vagalumes” que teñen lugar estes días.

Compárteo!

Deja un comentario