A Estrada agarda encher a vila cunhas 10.000 persoas na 46ª Festa do Salmón

O Concello da Estrada agarda encher novamente a vila
cunhas 10.000 persoas na xornada de mañá con motivo do día grande da 46ª Festa do Salmón, que contará cun amplo programa de actividades no que destacan a degustación popular e a lectura do pregón a cargo do profesor Armando Requeixo e as imposicións dosSalmóns de Ouro ao propio pregoeiro, a Luis Reimóndez –a título póstumo–, á asociación Codeseda Viva e á empresa Hijos de Rivera.
O Concelleiro de Cultura, Juan Constenla, amosou a súa satisfacción polas altas cifras de participación en todas as actividades previas, especialmente no 43º Concurso Internacional de Pesca do Salmón e na Ruta-Degustación de Tapas polos locais de hostalaría, polo que agarda que no día grande “se volva acadar unha asistencia masiva, que case sempre se sitúa por riba
das 10.000 persoas apoiada na calidade do programa e dos pinchos de salmón”. Ademais, amosouse confiado en que todo elo virá apoiado “por unha previsión meteorolóxica favorable,
xa que apunta a unha xornada apacible típica da primavera con temperaturas de ata 19 graos”.
“Temos un público moi fiel e consolidado no Salmón que case nos permite asegurar o éxito da festa, pero é que ademais hai un tirón ascendente polas receitas dos nosos cociñeiros, como demostra que cada ano teñamos que incrementar as bandexas de pinchos porque se soen esgotar ao longo da mañá”, engadiu.
Polo demais, a actividade festiva arrancará a mediodía co acto institucional no Teatro Principal para a lectura do pregón, a imposición dos Salmóns de Ouro e as quendas de intervención.
Posteriormente, o programa trasladarase ao Novo Mercado, onde unha decena de establecementos servirán 6.000 petiscos de 20 receitas distintas de salmón que se venderán en bandexas de dúas racións a un prezo de catro euros. Os locais e as creacións da
degustación popular deste ano son os seguintes:

A Casa do Pan | Empanada de verduriñas e Cremoso de salmón enrolado en biscoito  aromatizado ao romero e maldón


Argentinos Burguer | Salmón, coco e chile e Gilda de Salmón
Cervela | Pizza de salmón e gambas e Empanadilla de salmón con grelos e gambas
Don Juan | Tosta de salmón Don Juan e Lasaña de salmón
La Bombilla | Ensalada de pasta con salmón e salsa pesto e Salpicón de salmón e augacate
Mar de Compostela | Espeto de salmón con verduriñas e Pavillón de salmón en canoa
O Asador de Leo | Ensalada de salmón tropical e Tortilla de salmón
Os Peares | Arroz mar e terra e Croquetas de salmón
Nixon | Salmón ao Conde de Ximonde e Pastel de Salmón
Velis Nolis | Salmón mariñado con alga crocante e sésamo e Salmón mariñado con cacahuete
de wasabi
Todo elo contará con actividades paralelas, como o tradicional obradoiro de montaxe de
moscas para a pesca do salmón, especialmente orientado a deportistas, a exposición de
bonsais, o espectáculo culinario “Sabor” a cargo da compañía Culturactiva ou o concerto de
peche, xa pola tarde, coa Coral Polifónica Estradense.

Compárteo!

Deja un comentario