O BNG comprométese coa eliminación da simboloxía franquista aínda presente no noso concello e con cumprir a vontade dos «Mártires da Estrada» fusilados en 1937

O 5 de xuño de 1937 o franquismo fusilou ao alcalde da Estrada Jesús Puente Fontanes e aos concelleiros Ramón Fernández Rico (1º tenente de alcalde), Manuel Nogueira González, José María Pena López, Cándido Tafalla Froiz e José Rodríguez Sangiao. Poucos meses antes do seu asasinato polo réxime fascista de Franco, o primeiro tenente de alcalde, Ramón Fernández Rico, pedía nunha carta dirixida ás futuras corporacións que “unha das rúas máis céntricas da florecente vila (da Estrada) leve esta inscrición: “Mártires da Estrada”; e que obraredes como volo pedimos en nome da República e da democracia e do ideal que nos leva á tumba”.
 
A pesar da sentida misiva escrita hai case 82 anos, aínda hoxe o concello da Estrada non deu cumprimento á vontade dos “Mártires da Estrada”. O BNG está determinado a cumprila e así o poñemos de manifesto nun reivindicativo na Rúa Calvo Sotelo, colocando un adhesivo coa lenda “Mártires da Estrada”, tapando deste xeito o nome do ministro franquista.
 
Sen embargo, este é un acto simbólico, que no BNG queremos converter en realidade a partir do 26 de maio se contamos co apoio maioritario dos veciños e veciñas. Cremos que é unha obriga moral é unha débeda histórica que ten este concello cos seis membros da corporación municipal de 1937 fusilados polo franquismo.
 
Por outra parte, o BNG tamén se compromete a retirar a simboloxía franquista aínda presente no noso concello, tanto no rueiro como igrexas e fontes, cumprindo así a lei de memoria histórica. 
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta