Un total de 103 alumnos da 11ª promoción de policía local da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) está a realizar durante esta semana prácticas de regulación do tráfico no concello da Estrada, especialmente nas saídas e entradas de colexios e institutos.
Trátase da primeira vez que este tipo de prácticas se realizan fóra das instalacións da Academia, un aspecto que estaba sendo demandado polo propio alumnado e polos concellos. Practicar con tráfico real -acompañados de monitores da Academia e coa colaboración da Policía local da Estrada- supón un avance moi importante para mellorar a calidade da formación que se imparte a estes profesionais.
Os alumnos da 11ª promoción están a formarse na AGASP desde o mes de abril e o vindeiro 12 de xullo comezarán as prácticas nos seus respectivos concellos.
Nova convocatoria de oposición centralizada
Onte mesmo o Diario Oficial de Galicia publicou unha nova convocatoria do proceso selectivo unitario para policías locais, que se centraliza na AGASP. Desta volta, convócanse 158 prazas (132 libres e 26 por concurso) para 28 concellos galegos.
O prazo para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado nos próximos días e permanecerá aberto durante 20 días hábiles.
A día de hoxe xa son 70 os concellos que delegaron na Xunta de Galicia a selección do seu persoal de policía local.