A ESTRADA ACOLLE MAÑÁ O «II ENCONTRO LEADER DE GALICIA», QUE ABORDARÁ O TURISMO COMO DINAMIZADOR DO MEDIO RURAL

O Concello da Estrada acollerá mañá a celebración
do «II Encontro Leader de Galicia», que abordará a relevancia das medidas Leader e do
turismo como dinamizadores do medio rural e que reunirá a representantes dos 24
Grupos de Desenvolvemento Rural (GDRs) de Galicia.
O evento, que dá continuidade ao celebrado o ano pasado no municipio coruñés do Pino,
comezará ás 10.00 horas coa apertura dunha carpa situada na Praza do Concello, na que
se distribuirá material promocional e turístico dos 24 GDRs e se proxectarán vídeos de
cada territorio Leader.
De forma paralela, para as 10.30 horas está programada no salón de plenos do
consistorio una mesa redonda sobre «O Leader no marco da nova PAC», que será
moderada polo presidente da Asociación de GDRs de Galicia, José Antonio Santiso
Miramontes, e que contará coa participación do subdirector de Relación de Apoio aos
GDRs de Agader, Javier Blanco; o coordinador da Red Estatal de Desarrollo Rural
(Reder), Víctor Jolín; o presidente da Red Española de Desarrollo Rural (REDR) e
secretario da Red Cántabra de Desarrollo Rural, Secundino Caso; e o xerente da Red
Asturiana de Desarrollo Rural, Luis Miguel González.
Con posterioridade, ás 12.00 visitará a carpa do II Encontro Leader de Galicia o
conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, que será recibido polo alcalde da
Estrada, José López; o alcalde de Rodeiro e presidente do GDR Pontevedra Norte, Luis
López; e polo presidente da Asociación dos GDRs de Galicia, José Antonio Santiso
Miramontes. Ademais, tamén estarán presentes a directora da Axencia Turismo de
Galicia, Nava Castro; e o director xeral de Agader, Miguel Ángel Pérez Dubois.
Premios Leader e degustación gratuíta
Arredor das 13.00 horas está programada a presentación dos Premios Leader e, a
continuación, ás 13.30 horas comezará unha degustación gratuíta e aberta a todo o
público de produtos gastronómicos típicos dos 24 territorios Leader de Galicia.
Xa pola tarde, ás 17.00 horas a carpa do evento acollerá a actividade «O programa
Leader e o turismo: grandes fitos turísticos», que incluirá a presentación dos seguintes
proxectos: Xeodestino Deza-Tabeirós, Senda dos Faros, Reserva da Biosfera MariñasBetanzos, Xeoparque Montañas do Courel e outros xeodestinos xestionados polos GDRs
como o Xeodestino Ancares-Courel ou o Xeodestino Condado-Paradanta.
Por último, este segundo Encontro Leader rematará cunha actuación musical do grupo
Odaiko e Vanesa Muela e cunha mostra de xogos tradicionais e populares, ambos na
Praza do Concello estradense.

Compárteo!

Deja un comentario