Susana Camba: “A exclusión do noso idioma na zona infantil da Alameda demostra unha vez máis o que vimos denunciando desde hai meses, que o goberno do PP fai política lingüística para a galería”

A pesar de que formalmente a nova Alameda abriu ao público en plena campaña electoral das municipais, non foi até onte nove de setembro que se puxo en marcha a zona infantil. Este feito demostra, segundo indicou a concelleira do BNG, Susana Camba, que “a nova alameda non estaba rematada a mediados de maio, mais corría présa inaugurala para as eleccións”. “Sen embargo”, engadiu Susana Camba, “o que agora nos preocupa é que unha vez máis o PP despreza o noso idioma, e precisamente faino ante os máis cativos do noso concello que poden desfrutar estes días dos novos columpios”.

“A nosa lingua non existe no novo parque infantil da Alameda”, afirmou a concelleira nacionalista, “onde se poden ver claramente un cartel en perfecto castelán informando dos servizos de emerxencia e do concello”. “Xa o temos subliñado en máis dunha ocasión”, engadiu Susana Camba, “mais a pesar das reiteradas denuncias que fixemos desde o BNG, o goberno do PP esquece a nosa lingua para a que só ten ollos o 17 de maio”.

A concelleira do BNG recorda que “o PP votou a favor da ordenanza municipal de normalización lingüística, que di claramente no artigo 26 que o Concello de A Estrada fomentará a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e calquera outra dentro do ámbito municipal”. “Isto é o que di a normativa municipal”, explica Susana Camba, “mais a exclusión do noso idioma na zona infantil da Alameda demostra unha vez máis o que vimos denunciando desde hai meses, que o goberno do PP fai política lingüística para a galería, pero a efectos prácticos, como é neste caso e noutros que temos denunciado, seguen o catecismo centralista e españolista.”

A concelleira nacionalista insta ao goberno do PP “a mudar ao galego os sinais do espazo infantil da nova Alameda, non só para cumprir a ordenanza, senón por respecto á nosa lingua e para que os nenos e nenas da Estrada vexan con normalidade o noso idioma.”

BNG da Estrada
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta