O BNG dí que o goberno local ten as súas propostas para o comercio local gardadas nun caixón

Susana Camba: “Comerciantes de Santiago de Compostela lanzan unha plataforma de comercio electrónico para o comercio local, mentres o goberno do PP segue de brazos cruzados vendo como agoniza o comercio”

En marzo deste ano o BNG da Estrada puxo enriba da mesa unha proposta para que o goberno municipal, utilizando a infraestrutura e a experiencia de A Estrada Dixital, puxera en marcha unha plataforma de comercio electrónico para o comercio local.

“Lamentabelmente”, indicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “o PP meteu a proposta nun caixón e alí dorme collendo po, mentres o comercio local agoniza e os escaparates, no canto de amosar produtos, amosan carteis de aluguer”.

A concelleira nacionalista explicou que “mentres na Estrada o goberno municipal fica cos brazos cruzados, comerciantes de Santiago de Compostela lanzan estes días unha idea semellante á que propuxemos desde o BNG hai seis meses, consistente na posta en marcha dunha plataforma de comercio electrónico para que as tendas e comercios vendan os seus produtos a través da rede”.

“Semella que o goberno municipal do PP segue coa mesma dinámica do mandato pasado”, indicou a concelleira do BNG, “deixando pasar o tempo e as propostas que desde o BNG poñemos enriba da mesa”. “Este xeito de proceder”, engadiu Susana Camba, “saíulles ben no anterior mandato, mais todo semella que imos a unha nova crise económica, seguramente máis profunda ca anterior, o que non é de recibo é que o goberno municipal estea de brazos cruzados agardando que as cousas caian do ceo como a nova alameda”.

“Desde o BNG instamos ao goberno de López a actuar e a traballar, que para iso cobran”, afirmou a concelleira nacionalista, “reúnanse cos comerciantes para analizar a viabilidade da proposta do BNG, non perdamos máis tempo”. “O goberno municipal ten que tomar a iniciativa”, afirmou.

BNG da Estrada
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta