CARMELA SILVA ENXALZA A NECESIDADE DE PROMOVER UN TURISMO SOSTIBLE E RESPECTUOSO CO MEDIO NATURAL NO MARCO DA SEMANA GLOBAL DE ACCIÓN POLO CLIMA

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, do xerente de Sidra Camino, Nicolás Andión, e do presidente da Asociación de Desenvolvemento Rural ÓDEGA, Miguel Soto, anticipáronse esta tarde á celebración do Día Internacional do Turismo, que se conmemora mañá, 27 de setembro, coa presentación dun novo produto turístico ecolóxico, sostible e exclusivo do destino Rías Baixas: a Ruta da Sidra. Esta acción, baixo a denominación “Turismo sostible”, e na que se deron cita máis de trinta representantes do sector turístico da provincia, foi tamén unha das actividades previstas no marco da axenda da institución provincial con motivo da Semana Global de Acción polo Clima, que remata mañá.

 

Carmela Silva cualificou esta ruta como “unha idea marabillosa. Nesta terra hai moito talento, moita capacidade de crear proxectos innovadores, que arrisca e dedica tempo a lanzar iniciativas de futuro en contacto co territorio, coas nosas tradicións e co mundo rural”. Ademais, a presidenta da Deputación tamén enxalzou que se trata dun proxecto que nace da suma de sinerxías para “crear emprego no medio rural, garantindo así que haxa capacidade de poder manter a vida neste territorio marabilloso que é o interior da provincia de Pontevedra”.

 

Para a presidenta “hoxe tiñamos que estar neste lugar, celebrando o Día Internacional do Turismo que, este ano, a Organización Mundial do Turismo lle dedica á actividade económica, ao emprego e ás novas tecnoloxías, algo do que estamos a falar aquí: dun proxecto que nos permite namorar á xente e poñer en valor un produto de proximidade tan noso como é a mazá; un proxecto que nos permite falar alto e claro que si, que temos futuro e que o futuro se constrúe con grandes ideas”.

 

 

A Deputación asinou neste 2019 un convenio con Ódega para fomentar e promover as variedades de mazá autóctona e produción de sidra ecolóxica, centrada na zona da Estrada. A través deste convenio xorde a nova Ruta da Sidra da Estrada, unha nova alternativa turística, ecolóxica, sostible e exclusiva, cun itinerario desde Callobre a Ribela, a través do cal se poderán percorrer plantacións de maceiras ecolóxicas de variedades autóctonas.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta