O BNG non tolerará a privatización da recollida do lixo

Desde o BNG vemos como estupor que o alcalde da Estrada contemple a posibilidade da privatización da recollida do lixo no noso concello, e faino poucos meses despois de renovar toda a flota de camións de recollida, así como os contedores do lixo.

O alcalde, coas súas declaracións, demostra que é un incompetente; o PP presume de ser un bo xestor e o único que saben facer é privatizar. Se a recollida do lixo ten problemas – e así é, o BNG teno denunciado en diversas ocasións – a solución non é privatizar, senón xestionar mellor, dotar de persoal estábel o servizo de recollida, e se para iso ten que modificar a RPT pois na súa man está, teñen concelleiros e concelleiras abondo para facelo.

Neste sentido, se con 12 concelleiros e concelleiras non saben xestionar mellor e solucionar un problema crónico que ten o servizo de recollida do lixo o mellor é que dimita. Privatizar non é dar mellor servizo aos veciños e veciñas, ao contrario, hai exemplos noutros concellos que o demostran, e para o único que serve é para que unha empresa se lucre a conta do erario municipal e o que é peor, deteriore aínda máis a calidade do emprego no noso concello.

O BNG non tolerará que o PP privatice a recollida do lixo e tomaremos as medidas políticas e sociais que sexan necesarias para impedilo. Cos servizos municipais e coa emprego non se xoga.


BNG da Estrada

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta