O PSOE RESPALDA AO IES ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ NA SÚA SOLICITUDE DE ESPAZOS DA FUNDACIÓN DO MOBLE PARA A FORMACIÓN PROFESIONAL DE MADEIRA

O PSOE da Estrada respalda ao IES Antón Losada na súa solicitude de espazos da Fundación de
Exposicións e Congresos da Estrada para impartir a súa Formación Profesional de Madeira. Os
socialistas entenden que actualmente “os espazos cedidos polo acordo coa Fundación son
insuficientes para os 38 alumnos matriculados”. Tamén apuntan a que “o convenio que existe
non identifica cales son os espazos destinados á formación, contén unha cláusula aberta que
inclúe aos espazos necesarios para a docencia”.
López Bueno afirma que “coñecemos a existencia dunha solicitude dirixida a todas as
instancias implicadas directamente no asunto, pero convén tratala no Padroado da Fundación,
que é o competente para decidir sobre esa cesión de instalacións. A situación actual dos
alumnos é de escaseza de espazo, co risco que iso supón para a saúde de alumnos e mestres, e
tamén multiplica o risco de accidentes nas actividades que realizan”. Tamén considera que “é
necesario conxugar os intereses da Fundación de Exposicións e Congresos cos do IES Losada
Diéguez, débese chegar a unha solución acordada e beneficiosa para todas as partes”.
O voceiro socialista considera que “a FP de madeira trátase dunha formación en auxe, con
demanda das empresas locais do sector e que xera postos de traballo estables e de calidade. O
sector da madeira e do moble da Estrada precisa a profesionais formados que contribúen a
mellorar a produtividade das empresas e favorecen a innovación nos procedementos de
fabricación”. Ademais reclama “ambición” por parte das institucións para promover A Estrada
como referente na formación en madeira “Santiago de Compostela vén de recibir un
investimento que supera o millón de euros, e A Estrada merece tamén eses apoios”.
O PSOE anuncia tamén que solicitou formalmente unha reunión para avaliar os resultados da
recente Feira do Moble, para tratar a cesión de espazos ao IES Antón Losada e para discutir
sobre a posible disolución da Fundación anunciada por López Campos.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta