O PSOE ACUSA AO GOBERNO DE ACTUAR EN CONTRA DO EMPREGO DA ESTRADA POLA PERDA DO OBRADOIRO

O PSOE da Estrada laméntase de que o goberno municipal non solicitara o
obradoiro de emprego 2019/2020. Os socialistas din que “o goberno actúa
contra o emprego da Estrada renunciando a este tipo de políticas activas de
emprego, que melloran os perfís profesionais das persoas en desemprego e
facilítanlle atopar ocupación. Non solicitar o obradoiro de emprego para A
Estrada supón perder 25 postos de traballo durante un ano entre
formadores e alumnos, todo pola neglixente xestión do goberno. Concellos
como Valga ou Moraña contan con el, estaría ben que López Campos
explicase por que A Estrada non chegou a competir por el este ano”.
López Bueno considera “fundamental” aproveitar o financiamento doutras
administracións porque considera “moi limitadas” as iniciativas que o
goberno leva a cabo con recursos propios. Indica tamén que “os concellos
que si apostan polo emprego e favorecen a instalación de industria no seu
territorio están rexistrando descensos do paro dun 17 % (Silleda), fronte ao
noso modesto 7 %”. Ademais considera que “os datos da Estrada
demostran que diminuír o desemprego feminino está a ser máis complicado,
e o obradoiro era unha oportunidade de mellorar a empregabilidade das
mulleres”.
O líder socialista afirma que “perder o obradoiro por non acordarse de
solicitar a axuda é nefasto para os veciños e veciñas, en especial para
aqueles que agora mesmo non teñen emprego. Moitas persoas reciclábanse
e reincorporábanse ao mercado laboral aproveitando a formación e a
capacitación que se daba no obradoiro”. Tamén criticou as declaracións de
López Campos a propósito das obras feitas na Estrada polos integrantes dos
distintos obradoiros “as obras que se levaron a cabo con ese persoal están á
vista de todos, non é entendible que o goberno renunciara a unha iniciativa
que unicamente trae beneficios para A Estrada”.

Compárteo!

Deja un comentario