O BNG DENUNCIA A MOI DEFICITARIA PUBLICITACIÓN INSTITUCIONAL DO NOSO PATRIMONIO PARA FACELO VISIBLE E ATRACTIVO.

O BNG unha vez mais, alerta da desatención total do goberno municipal do PP cara o interesante e abondoso patrimonio espallado polo territorio do concello estradense. E para mostra un botón : este pasado sábado o BNG celebrou no Areal de Berres un xantar de confraternidade de toda a militancia coa presenza de Susana Camba voceira da formación nacionalista, que comprobou de primeira man as deficiencias de que estamos a falar.


A media mañá percorreuse un roteiro con paradas en referencias do patrimonio desta ribeira estradense do Ulla (Castrotión, achádego lítico na cima do castro, antiga fábrica de papel de Riobo, Torre da Barreira…). Pois ben, a voceira do BNG quere alertar da necesidade urxente de que o goberno municipal do PP tome en serio a posta en valor e a publicitación destes bens patrimoniais que garda o noso territorio e que seguro que serían do interese de moitas persoas que se achegasen á Estrada.

Lembrámoslle ao sr. Alcalde que o patrimonio e a cultura ademais de representar retrincos da nosa historia son xeradores de emprego, non así construcións de dubidoso gusto, como a Alameda cuxa rendibilidade é  nula. Non é propio dun goberno que adquire un compromiso coa cidadanía, teña este tema no abandono actual, e non podemos esquecer outros elementos patrimoniais como a Torre de Guimarei e a ponte medieval de Pontevea, elementos catalogados como BIC, aos que o goberno municipal non lles presta atención algunha.

Por este motivo instamos ao actual goberno a que poña en valor e dea a coñecer as referencias patrimoniais e culturais que garda o noso concello.

BNG da Estrada

Compárteo!

Deja un comentario