LÓPEZ BUENO ACUSA AO GOBERNO DE “IMPROVISACIÓN” NO PROXECTO DE APARCAMENTO DETRÁS DO TEATRO MUNICIPAL

O PSOE amosou o seu parecer sobre a adquisición dunha finca lindeira co
Teatro Municipal e que se pretende destinar á construción dun anexo ao
propio Teatro e a habilitar como aparcamento a parcela posterior á vivenda.
López Bueno considerou que “esa adquisición entra dentro do previsible,
polo derribo que ameaza á vivenda que hai construída e pola planificación
que se contén no Plan de Mobilidade Urbana Sostible. Porén, hai dúas
semanas que se presentou o PMUS e xa se anuncian cambios nunha das
súas actuacións principais. O lóxico sería deseñar primeiro un proxecto de
desenvolvemento, avanzar nas xestións para levalo a cabo, e despois
adquirir os terreos para executalo”.
O voceiro socialista desenvolveu a súa explicación: “No PMUS recoméndase
un aparcamento disuasorio que una o da Biblioteca Municipal co do Teatro.
Ata aí, todo entra dentro do esperable, pero o goberno afirma que quere
acordar cos propietarios unha zona de paso de vehículos entre un
aparcamento e o outro, entón en que quedamos? Hai dúas semanas ía
crearse un gran aparcamento e agora haberá dous pequenos?”.
López Bueno acusou ao goberno de “improvisación”. “Nesta ocasión todo
comeza cun Plan de Mobilidade, despois o goberno improvisa sobre el e
froito dunha serie de carambolas, ninguén sabe se o plan se executará, se
se executará a medias, ou non se executará. O máis preocupante é que isto
acontece en cada iniciativa que toma o goberno, non hai máis que ver a
alameda da foto de presentación e a alameda que finalmente temos”.
Os socialistas aféanlle ao goberno a súa maneira de proceder “é inaceptable
que o goberno encargue un documento técnico, que os expertos proxecten
unha actuación, e seguidamente o goberno os desautorice. Deberíanse
ofrecer explicacións sobre as xestións que se están a realizar e concreción
en que é o que se intenta conseguir”.
López Bueno tamén acusa ao goberno de falta de previsión “o único que se
anuncia é que se vai mercar unha parcela, pero non se definen os detalles
de como será o novo aparcamento, nin existe un proxecto real para o anexo
ao Teatro. Os estradenses investiremos os nosos cartos nun terreo e
despois veremos se o goberno é capaz de resolver as obras que proxecta”

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta