Sabucedo agarda a centos de persoas este sábado na 5ª edición da súa Muiñada, Magosto e Samaín

A Asociación A Rapa das Bestas e a Asociación
de Veciños de Sabucedo veñen de presentar a quinta edición da MUSA, Muiñada,
Magosto e Samaín, na que se reivindicará o mundo rural, o medio ambiente e as
tradicións coa estimada presenza de centos de persoas que ateigarán a parroquia.
Este evento, creado en 2015 e consolidado no calendario de festas de outono da
provincia, celebrarase este sábado, 2 de novembro, cunha ducia de actividades que se
prolongarán durante 15 horas ininterrompidas.
Os veciños, que presentaron a MUSA nunha das vivendas xa engalanada con motivos
propios da tradición celta do Samaín, confían en que, malia as dúbidas
meteorolóxicas, os asistentes volvan encher a aldea e participen activamente en todas
as actividades, con especial protagonismo no roteiro de Sabucedo en quenda matinal,
os obradoiros vespertinos e a escura procesión da Santa Compaña ata o cruceiro.
Polo demais, durante a xornada haberá un xantar popular con produtos da Terra de
Montes na Carballeira do Campo do Medio que xa ten os seus convites á venda a un
prezo de 17 euros de xeito anticipado ou 19 –10 para os nenos– no mesmo día. As
reservas poden facerse nos teléfonos 659 908 745 ou 684 126 649. Tamén haberá
polbo á feira a un prezo de 10 euros.
En representación do colectivo veciñal, Fátima Fernández explicou que a xente de
Sabucedo “está a traballar arreo e con moita participación para que todo volva ser un
éxito e ademais incorporamos pequenos detalles nas actividades que fan que en cada
edición todo saia mellor”, polo que quixo convidar a todos os veciños das parroquias e
dos concellos limítrofes a “gozar dunha xornada especial de Samaín nunha aldea que
sempre acolle a todo o mundo cos brazos abertos”.
Pola súa banda, Henrique Bazal, presidente de Rapa das Bestas, engadíu que a
MUSA “reúne todos os ingredientes dunha festa familiar en torno ás nosas tradicións e
serve para demostrar a nosa aposta e cariño polo medio rural e pola dignificación e
dinamismo da vida na aldea e no interior de Galicia”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta