Van tres meses e o PP aínda non explicou a implantación da fibra óptica no noso concello

Hai tres meses que o BNG rexistrou unha batería de preguntas para saber o alcance da implantación da fibra óptica no noso concello. A día de hoxe a organización nacionalista aínda non ten resposta por parte do goberno municipal.

A concelleira do BNG, Susana Camba, indicou que “xa sabemos que as cousas de palacio van despacio, mais cremos que estas alturas xa deberíamos ter unha resposta por parte do alcalde e do seu grupo de goberno”. “Sabemos”, engadiu, “que hai unha indignación cada vez maior no rural estradense polo trato discriminatorio que a empresa Movistar, operadora encargada de espallar a fibra óptica no noso concello, dispensa aos veciños e veciñas”.

“Como xa dixemos hai tres meses”, explicou a concelleira nacionalista, “é que na maior parte das parroquias do rural hai veciños con fibra óptica e outros non. E o máis curioso é que hai casos onde sospeitamos de trato caciquil para beneficiar a determinados “amigos” do PP”.

A concelleira nacionalista indicou que “este tipo de agravios entre veciños, así como o caciquismo, non son tolerábeis en pleno século XXI, non é de recibo este tipo de trato discriminatorios entre uns veciños e outros, porque xa non se estamos falando só da prestación de determinados servizos, senón que falamos de cartos, xa que as operadoras de telecomunicación teñen ofertas máis económicas para fibra que para outro tipo de conexións a internet”. “Temos constancia de que hai veciños que están pagando de media uns 20 euros máis ao mes (240 euros ao ano), por un peor servizo, e iso non é de recibo”, engadiu a concelleira do BNG.

“Temos constancia de que a implantación da fibra óptica é moi desigual”, indicou Susana Camba, “mais queremos coñecer polo miúdo os datos reais, polo que instamos ao goberno do PP a facer os deberes e a responder á información solicitada”.
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta