O PSOE PROPÓN ELABORAR UN INVENTARIO DE INSTALACIÓNS ANTES DE DECIDIR O USO DO NOVO ANEXO AO TEATRO

O PSOE propón elaborar un inventario de instalacións antes de decidir que
uso terá o novo edificio anexo que o goberno pretende construír na parcela
que adquirirá na rúa Serafín Pazo.
López Bueno explicou que “estamos a favor de aproveitar a edificabilidade
da parcela, pero antes de decidir un destino para ese novo edificio público é
necesario avaliar cales son as necesidades. Entendemos que non é negativo
crear un novo espazo para usos culturais, pero xa contamos con
instalacións suficientes para acoller esas actividades: Teatro Principal, sala
anexa ao teatro, MOME, Sala Abanca… e incluso instalacións pechadas
como o Museo Reimóndez Portela. De todas as maneiras, para confirmalo
hai que elaborar o inventario”.
O voceiro socialista puntualizou que “o obxectivo desa avaliación é definir
como será o edificio, que servizos pode acoller a instalación, e decidir
despois cal será o destino da infraestrutura. Débese construír con visión de
futuro, os aproveitamentos deben ser duradeiros e operativos, non
queremos outro museo nin outro matadoiro pechados”.
O PSOE considera oportuno “reunir aos grupos da corporación para fixar
prioridades e traballar en propostas, e como é evidente, contando cos
grupos de interese que se beneficiarían dos usos do novo edificio”.
López Bueno tamén considerou que o goberno debe “planificar as propostas
que fai: anúnciase unha edificación sen ter nada real enriba da mesa, é
unha simple declaración de intencións pendente de materializarse” e
cualificou de “pouco seria” a xestión do goberno. Ademais lamentouse de
que o goberno “utilice as institucións para dificultar o noso traballo como
oposición, a comisión que debe pronunciarse sobre a modificación do crédito
para adquirir os terreos convocouse o luns, sen apenas tempo para estudar
os asuntos. Deste xeito unicamente están empeorando propostas que
poderían ser mellores”.

Compárteo!

Deja un comentario