Paulo Vicente Monteagudo, elixido novo presidente da Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo

A Asociación A Rapa das Bestas de Sabucedo
celebrou ao longo de toda a xornada de hoxe as súas eleccións á presidencia e, como
froito das mesmas, o veciño Paulo Vicente Monteagudo saíu escollido como novo
máximo mandatario do colectivo ao obter 89 votos nuns comicios que contaron cunha
elevada participación da parroquia. Así, cómpre sinalar que se emitiron, nas sete horas
de apertura da urna no colexio electoral instalado no teleclube, un total de 104
papeletas válidas.
Deste xeito, Paulo Vicente Monteagudo será o encargado de dirixir o colectivo durante
os vindeiros catro anos, ata 2023, tomando o testemuño de Henrique Bazal Bouzas,
que presidíu a asociación dende o ano 2015.
Paulo Vicente Monteagudo (Sabucedo, 1981) formaba parte da directiva saínte e,
durante os últimos anos, ademais do intenso traballo no monte ao longo de todo o ano
e no curro, centrouse especialmente nas labores de desparasitación das bestas como
consecuencia da súa firme crenza na defensa da saúde e do benestar dos animais.
Estudou Música na Universidade de Oviedo e na actualidade exerce de profesor desta
disciplina no IES Punta Candieira, no municipio coruñés de Cedeira.
Tanto Henrique Bazal como Paulo Vicente Monteagudo amosaron a súa satisfacción
pola elevada participación e a implicación da parroquia na elección da persoa que
dirixirá á nova directiva, “xa que demostra que Sabucedo está máis vivo ca nunca e
que toda a xente que formamos parte desta parroquia somos una gran familia que
queremos ser partícipes do futuro da manda do Santo e de todo o que rodea á Rapa
das Bestas”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta