O PSOE PROPÓN ESTUDAR A CREACIÓN DUNHA BOLSA DE BAIXOS COMERCIAIS PARA REDUCIR OS PREZOS DO ALUGUER

O PSOE propón elaborar unha bolsa de baixos comerciais promovida polo
concello co obxectivo de reducir os prezos do aluguer. López Bueno cre que
“estamos nunha situación límite e cómpre apostar por iniciativas
importantes. A inacción do goberno non vai resolver a situación, e
necesitamos con urxencia algunha política que ataque o problema do prezo
de aluguer”.
López Bueno explicou que “a bolsa de baixos comerciais podería limitar os
prezos, que virían marcados nas bases da bolsa. O propietario obtería a
cambio unha axuda para a reforma do local, e quizais outros incentivos.
Este mecanismo faría interesante colocar o baixo nela, e regular deste xeito
o prezo do aluguer”.
Respecto dos outros incentivos, o voceiro socialista completou “dentro da
propia bolsa poderíase promover unha póliza de seguro sobre os pagos da
renda do aluguer. Iso aportaría seguridade para o arrendador e eliminaría
ese custo do prezo a pagar polo comerciante”.
O líder dos socialistas asegura que “en primeiro lugar hai que ter vontade
política, contactar cos propietarios para coñecer de primeira man as súas
demandas, e axustar na medida do posible a bolsa aos intereses dos
propietarios e dos comerciantes. Ademais diso, a nivel de orzamento é
perfectamente asumible”.
De todas as maneiras, o líder dos socialistas considera que non abondará
con iso para impulsar o comercio estradense “esta medida por si mesma
axudará a paliar o problema, pero débese acompañar dunha política
industrial que busque xerar emprego na Estrada e fixar poboación, só desa
maneira conseguiremos colocar máis consumidores na rúa”.
López Bueno aproveitou para criticar o “inmobilismo” do goberno municipal
respecto do problema do comercio “a resposta de López Campos é que
pechaban comercios antes e pechan agora, sen que o goberno poida facer
nada. A nós non nos parece unha maneira de buscar solucións. Apoiar ao
comercio nas súas iniciativas está ben, pero o problema actual só se resolve
con visión estratéxica a longo prazo”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta