O ESPECTÁCULO CASA O REI TRAE AO PRINCIPAL UN ELENCO DE LUXO

Con «Casa O’Rei» Ibuprofeno Teatro completa a súa triloxía gastronómica, xunto con «O Furancho» e «Raclette». Este texto de Santiago Cortegoso propón un xogo escénico e dramatúrxico a partir de «O Rei Lear» de Shakespeare, ambientado nunha típica casa de comidas galega.

 

Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a Casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobiada con fel. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida.

 

O espectáculo, que terá lugar este venres ás 21.00 h no Teatro Principal, conta cun elenco formado, entre outros, por Marián Bañobre, Miguel Borines, Xosé M. Esperante ou Víctor Mosqueira. A montaxe recibiu o premio á Mejor Montaje (escenografía, vestiario, luz e espazo sonoro) no Certamen de Teatro Garnacha de Rioja Haro 2018, Mellor Actor Protagonista (Miguel Borines) nos XIII Premios de Teatro María Casares 2018, Mellor Música Original (Alonso Caxade) XIII Premios de Teatro María Casares 2018.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta