PATRIMONIO E INFRAESTRUTURAS CENTRAN AS EMENDAS DO BNG DA ESTRADA AOS ORZAMENTOS DA XUNTA DE 2020

A concelleira do BNG, Susana Camba, e o deputado no Parlamento Galego, Luís Bará, presentaron na mañá de hoxe as emendas do BNG da Estrada aos orzamentos da Xunta de 2020. A concelleira nacionalista explicou que “estas emendas supoñen unha emenda á totalidade ao goberno municipal do PP, que se caracteriza polo desleixo no que atinxe ao patrimonio e as infraestruturas”. “Así por exemplo”, engadiu a concelleira nacionalista, “presentamos unha emenda de 500.000 euros para a recuperación da Torre e o Pazo de Guimarei, así como un plan de valorización da ponte medieval de Pontevea e a súa contorna (200.000 euros), declarada BIC grazas ao empeño do BNG da Estrada e de Teo”.

“No que ten a ver coas infraestruturas”, engadiu Susana Camba, “introducimos emendas para mellorar o cruce de Baloira, do acceso á AP-53 no Alto da Rocha, que é impracticábel para os vehículos pesados, así como melloras nas estradas de competencia autonómica A Estrada-Ponte Ulla, Baloira-Pontecesures e Codeseda-Campolameiro, e tamén dotar dun acceso peonil seguro ao centro médico do Souto de Vea, aprobando por unanimidade en 2009 no Parlamento Galego”.

A concelleira nacionalista tamén indicou que “a Cidade do Moble tamén centra as emendas do BNG, apostando pola xeración de emprego e polo sector do moble e da madeira do noso concello”. “E xa por último”, explicou a concelleira nacionalista, “cremos imprescindíbel dotar o noso concello dun centro de día merecente de tal nome, ben dotado, amplo e accesíbel”.

Compárteo!

Deja un comentario