O BNG insta ao goberno de López a arranxar as cunetas de Vinseiro

Susana Camba: “Logo do atraco que están sufrindo os veciños e veciñas cos recibos do IBI o lóxico é que o goberno municipal proporcione mellores ser vizos, en especial no rural”.

 

A portavoz municipal do BNG, Susana Camba, visitou a pista que une os lugares de Vinseiro, na parroquia do mesmo nome, co lugar de Cimáns, na parroquia de Tabeirós, para coñecer o estado lamentábel que presenta a cuneta, especialmente no tramo de Visdecorrea a Cimáns, onde se pode apreciar que a auga da choiva discorre pola estrada no canto de polo seu lugar natural, desfacendo o firme.

A concelleira nacionalista explicou que “esta é unha mostra máis da política de abandono que ten o PP co rural estradense”. “Non é de recibo presumir de bos xestores”, engadiu, “cando se deixan partidas sen gastar ou se incrementan partidas como o da iluminación do nadal cando despois as veciñas e veciños do rural carecen dunhas infraestruturas dignas”.

“Nestes días”, indicou Susana Camba, “moitos veciños e veciñas do rural están pagando os “atrasos” da regulación do IBI, na maioría dos casos estamos a falar de importes moi altos e non é de recibo que logo deste atraco, o concello non atenda as necesidades máis básicas dos veciños e veciñas”. “Os impostos son necesarios” afirmou a concelleira do BNG, “pero hai que investilos en proporcionar mellores servizos, mais o goberno do PP só sabe cobrar e dilapidar os impostos de todos e todas en luces e obras faraónicas de cemento”.

A concelleira do BNG insta ao alcalde a “actuar xa no rural, empezando pola parroquia de Vinseiro”. “O rural da Estrada non pode agardar catro anos a que cheguen as novas eleccións municipais, que é cando López saca as palas”, afirmou Susana Camba.

Compárteo!

Deja una respuesta